• 20-06-04_ConcentracionResidenciaLugo_3.jpg
  • 2020-06-04 Protestas_Pensionistas_Residencias_Pontevedra.jpeg
  • 2020-06-04 Protestas_Pensionistas_Residencias_Vigo_02.JPG

Xubilados/as e pensionistas da CIG esixen un sistema público galego de servizos de atención e unhas pensións dignas

Realizaron concentracións diante de varias residencias de maiores

Nacional -

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse este xoves diante de varias residencias de Galiza en demanda dun sistema de atención ás persoas maiores e á dependencia 100% público, galego e de calidade e para esixir, ao tempo, unhas pensións públicas dignas e garantidas. Con estas protestas o colectivo quere pór o foco da atención nas graves carencias asistenciais e na nefasta xestión do modelo privatizado promovido pola Xunta do PP, cuxas consecuencias quedaron en evidencia na pandemia da Covid19.

Subliñan que a crise sanitaria sacou á luz a precariedade tanto no plano asistencial como laboral que existe nas residencias de maiores, servizos de axuda a domicilio, centros de día, etc., tras anos "de recortes orzamentarios en materia de política social e de fomento dun modelo de atención que prima o lucro privado sobre o benestar e a  seguridade das persoas".

Só o 25% das prazas das residencias son públicas

A este respecto, o Colectivo da CIG lembra que en Galiza, a pesar da porcentaxe de persoas maiores de 65 anos aumentar ano ao ano, só o 25% das residencias son públicas. O resto das prazas que existen ou son privadas (e con prezos prohibitivos) ou funcionan en réxime de concerto coa Administración. Acceder a unha destas prazas resulta dificultoso e en non poucas ocasións implica, ademais, que a persoa beneficiara teña que residir afastada da súa familia.

Os datos de contaxios confirmados, o elevado número de mortes, a ausencia de protocolos homoxeneizados ou a opacidade coa que as direccións dos centros privados abordaron a emerxencia sanitaria son, para o colectivo da CIG, mostra clara da necesidade de rachar con este modelo fomentado polo PP, "baseado en engordar os beneficios dunhas poucas empresas privadas a conta de recortar en persoal, en atención, en medios e nas condicións laborais das traballadoras e dos traballadores".

Recortes que son culpábeis en gran  medida da expansión e afectación da nova doenza entre as persoas usuarias e traballadoras das residencias, e que obrigaron a propia Administración a intervir e pór os medios públicos ao servizo destas empresas sen esixirlles, até o momento, responsabilidades económicas, sociais ou penais.

O Colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG reclama que se valoricen os coidados como un ben social "e que se recoñeza, dignifique e respecte as persoas maiores en Galiza como merecen". Esixe que se poñan enriba da mesa, nos próximos orzamentos, partidas suficientes para garantir o persoal, os medios necesarios e  prazas públicas de residencia abondo e, sobre todo, "que non se volvan repetir o vivido nestes tres últimos meses".

Reforzar o sistema público de pensións

Doutra banda, ante os anuncios que adiantan unha nova reforma das pensións, o Colectivo defende a necesidade de reforzar o sistema público, ofrecendo retribucións dignas e garantidas tanto para quen accede agora como no futuro. Pero para isto, engaden, "hai que ter vontade política e pór en marcha medidas de creación de emprego estábel, en condicións dignas e con salarios xustos, que doten de recursos suficientes o sistema de pensións”.

Neste senso, amosan a súa preocupación ante posíbeis novos recortes, pois calquera modificación do sistema de pensións estará ao cargo do ministro de Seguridade Social que, lembran, foi presidente da Airef, organismo que vén poñendo en dúbida a viabilidade do sistema público de pensión e propondo como solución medidas gravosas que van na vía de dificultar o acceso a unha pensión e reducir as contías resultantes ao aumentar o período de cómputo.

Para o Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, antes de abordar ningunha reforma, "o primeiro que cómpre é derrogar as reformas impostas durante a crise”, nomeadamente as reformas laborais, as reformas da negociación colectiva e as reformas do sistema de pensións, nas que, “precisamente, todas as propostas presentadas pola Airef queren afondar, para continuar co desmantelamento do sistema público de pensións e seguir a favorecer a entrada do capital privado”.

Volver