Xubilados/as e pensionistas da CIG mobilizaranse de novo este xoves en cidades e vilas

O colectivo teme que a nova reforma das pensións consolide o peor das anteriores

Nacional -

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG mobilizarase de novo este xoves, día 3 de xuño, nas sete cidades e Cangas para demandar a equiparación da contía da pensión mínima ao SMI, a creación dun servizo público galego de atención ás persoas; o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e un aumento de prazas públicas de Centros de Día e Residencias.

MOBILIZACIÓNS

Ourense: 11:30h, diante do INSS

Santiago: 11h, Praza do Toural

Pontevedra: 11h, Praza da Peregrina

A Coruña: 11h, Subdelegación do Goberno

Ferrol: 11h, diante do INSS

Vigo: 11h, Farol de Urzaiz

Lugo: 11h, Edificio Xunta de Galiza (ronda da Muralla)

Cangas: 11:30h, Casa do Concello

Os últimos datos confirman que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado, o que sitúa a Galiza no posto 19 das 20 comunidades do Estado español, aínda que por provincias Ourense está na última posición.

A situación é aínda máis grave para as mulleres que tiveron, no ano 2019, pensións un 35% inferiores ás dos homes. Tal é así que a media das pensións das mulleres foi de 677,73€, fronte os 1.042, 91€ mensuais que cobraron os homes. Uns datos que xa de por si xustifican as mobilizacións.

Diante desta situación o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG denuncia que nin se contemplan mecanismos para establecer unha pensión mínima garantida por lei, que para a central sindical tería que ser equivalente ao SMI, e este o 60% do salario medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea. Un principio que, de ser asumido, suporía elevar o salario mínimo até os 1142 euros/mes e, polo tanto, equiparar as pensións máis baixas a esa contía.

Xunto a isto exixe a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais que tanto o PSOE, como o PP impuxeron no seu momento. Entende que é así como se pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións e que só depende de que haxa vontade política.

Está pendente ademais dos contidos da anunciada reforma das pensións que, todo parece indicar que consolidará os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013.

Servizo Público de Atención ás Persoas

No relativo ao sistema de coidados e de atención ás persoas a CIG presentou, o pasado 27 de maio, no Parlamento de Galiza, un total de 15.199 sinaturas para avalar a proposición non de lei de Iniciativa Popular pola que se insta ao goberno galego á creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas.

A central sindical demanda que se incrementen os orzamentos destinados a dependencia e un aumento das prazas públicas de centros de día e residencias, ao tempo que denuncia que miles de persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida.

Lembra que só 86 concellos galegos contan cun centro de día público (15 deles de titularidade municipal), algo que para a central sindical é inadmisíbel nun país como Galiza, cada día máis envellecido e onde cada vez máis persoas viven a súa vellez en soidade. A isto hai que engadir que só un 25% das residencias de persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública e que “sumando públicas e privadas, unicamente hai tres prazas por cada 100 maiores de 65 anos”.

Por iso aposta por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todos/as os galegos/as vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente, máis nun país como o noso, coas pensións das máis baixas do Estado.

Volver