Xubilados/as e pensionistas da CIG reclaman pensións dignas e un sistema público de atención ás persoas

Advirten que se pretende utilizar a crise derivada da pandemia para introducir novos recortes
Nacional - 01 Out 2020

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG realizou este xoves concentracións na Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo na defensa dunhas pensións públicas dignas e garantidas e para esixir un sistema público galego de atención ás persoas. As protestas, realizadas diante de edificios administrativos do goberno español e da Xunta de Galiza, repetiranse con carácter mensual até finais de ano. 

Dende o colectivo da CIG advirten que a crise económica derivada da crise sanitaria está a servir de escusa a UE para exixir reformas das que o sistema público de pensións é obxectivo principal. Así, denuncian, a diario publícanse informacións sobre medidas que se pretenden implantar baixo a suposta inviabilidade do sistema e que suporán a prolongación da vida laboral e unha maior dificultade no acceso á xubilación, "condenando unha vez máis a debilitar e precarizar o mercado de traballo, sobre todo para a xente máis nova, que se verá obrigada a continuar emigrando".

Máis da metade das pensións por debaixo dos 706€

Nas concentracións salientouse que as pensións galegas seguen sendo as segundas máis baixas do Estado e que máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706€. Xunto a isto, chaman a atención sobre a precariedade das pensións das mulleres galegas, que de media perciben case 300 euros menos que un galego e sobre o feito de que das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.

Por iso, unha das reivindicacións da CIG é a fixación por lei  da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (que debera estar no 60% do salario medio) e a revalorización anual como mínimo co IPC.

Subliñan que o Sistema Público de Pensións é viábel "se con vontade política se toman as decisións adecuadas" para acadar un mercado laboral forte con emprego estábel e salarios dignos, único xeito de garantir un futuro con pensións que lle permitan ás persoas levar unha vida digna. Neste camiño, resulta imprescindíbel a derrogación das reformas das pensións (de 2011 e 2013) e das reformas laborais impostas polo PSOE e o PP.

Só o 25% das residencias para persoas maiores ou dependentes son públicas

Pero con estas mobilizacións o colectivo de Xubiladas/os e Pensionistas da CIG tamén reclama da Xunta a creación dun sistema público galego de atención ás persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.

A actual pandemia deixou en evidencia os escasos recursos que se destinan a estes servizos así como a nefasta xestión nos centros privatizados ou privados. Malia termos unha poboación envellecida e con pensións cativas, só un 25% das residencias para persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública, e incluso sumando públicas e privadas só hai 3 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos. No caso dos centros de día, soamente 86 dos 313 concellos galegos contan cun servizo público deste tipo, sendo 15 deles de titularidade municipal.

Servizos de axuda no fogar precarizados

A isto hai que sumarlle a disparidade dos servizos de axuda no fogar que, sendo competencia da Xunta de Galiza, estanse derivando dende hai anos aos concellos o que supón que en cada administración local se oferta de xeito diferente, pero sempre cunhas condicións precarias para as traballadoras.

Ademais, preto de 8.000 persoas seguen sen obter a prestación de dependencia que teñen recoñecida. Esta falta de recursos públicos leva a que moitas persoas non poidan acceder aos servizos de atención, condenando unha vez máis as mulleres a seguiren exercendo de coidadoras con tripla xornada.

Por iso, reclaman un cambio radical nas políticas de atención ás persoas e no modelo de xestión, o aumento nos orzamentos destinados á atención á dependencia, o incremento na dotación de prazas públicas de centros de día e residencias, e incorporar o servizo de axuda no fogar nun ente público galego para rematar coas miserentas condicións laborais e salariais das mulleres que desempeñan este traballo de coidados, cada vez máis necesarios.