Xubilados/as e Pensionistas da CIG reclaman diante da Xunta de Vigo un sistema galego de atención ás persoas 100% público

Piden reverter as privatización destes servizos e unha sanidade pública forte e con recursos

Vigo -

O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG de Vigo realizou unha concentración este martes diante do edificio da Xunta para reclamar un sistema público galego de atención ás persoas e unha sanidade 100% pública. Lembran que a CIG leva anos denunciando a “denigrante situación”, tanto laboral como asistencial, dos servizos públicos de atención ás persoas e da sanidade, que o Goberno do PP “vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis”.

Defenden que todos os servizos públicos de atención ás persoas sexan 100% públicos e xestionados directamente pola administración e que se creen todas as prazas públicas necesarias para atender aos usuarios e usuarias dos mesmos, así como a reversión daqueles servizos que hoxe están privatizados tanto no eido da á dependencia como na sanidade.

Na protesta, o Colectivo da CIG advertiu que as residencias da terceira idade, centros de día, centros de atención á diversidade, servizos de axudan o fogar, servizos de saúde de atención primaria e hospitalaria,etc, "están a ser obxecto de recortes e privatizacións a mans de grandes empresas multinacionais e fondos voitre", cuxas consecuencias se evidenciaron nesta pandemia cos centos de persoas maiores que faleceron ou resultaron contaxiadas pola Covid19.

Mais tamén nas listas de espera interminábeis na sanidade, na escaseza de persoal médico, e doutro persoal sanitario e persoal auxiliar nos hospitais e centros de saúde, a maioría con contratos e condicións de traballo precarias. "Pola contra, os beneficios dos negocios de saúde e de atención á dependencia de carácter privado van en aumento".

Volver