Xubilados/as e Pensionistas da CIG rexeitan a nova reforma porque consolida as medidas máis lesivas e non garante pensións dignas

Mantén o atraso na idade de xubilación, a ampliación do período de cálculo e avanza novos recortes
Nacional - 02 Dec 2021

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse este xoves nas sete cidades e mais en Cangas en defensa dunhas pensións públicas dignas e garantidas e para demandar a derrogación real das reformas de 2011 e 2013, cuxos recortes se consolidan coa aprobación no Pleno do Congreso da nova lei. Un texto que constitúe a primeira parte da reforma que formula o Goberno español para cumprir coas duras esixencias que impón a UE para acceder aos fondos NextGeneration.

Aínda que se nos pretenda presentar esta reforma como a normativa que derroga as anteriores, o certo é que o texto lexislativo perpetúa as medidas máis duras "que tanto teñen precarizado o sistema público de pensións". Así, mantense a reforma do PSOE de 2011 (pactada no marco do diálogo social con UGT, CCOO e a patronal) que atrasou aos 67 anos a idade de xubilación e ampliou o período de cálculo aos 25 anos cun único obxectivo: dificultar o acceso e reducir a contía das pensións, que na última década caeron no entorno do 25%.

Pero esta primeira parte da reforma que se aproba hoxe, se ben recupera o IPC como indicador para a revalozación das pensións, non resolve outro dos grandes problemas do sistema público, como é a dignificación das prestacións, colocando a pensión mínima no 60% do salario medio, tal e como recomenda a Carta Social Europea. Unha reivindicación que a CIG leva anos facendo e que permitiría elevar as prestacións mínimas aos 1.150€ ao mes.

Dende o goberno de coalición, autodenominado o máis progresista da historia, tamén se pon en valor a retirada do factor de sostibilidade introducido polo PP en 2013, mais este é substituído polo chamado “mecanismo de equidade interxeracional” que suporá novas penalizacións á clase traballadora "sen garantir unha suba das contías das pensións”.

Non se recupera tampouco o dereito á xubilación a tempo parcial e segue penalizándose a xubilación anticipada, condenándose a moitos traballadores e traballadoras que realizan actividades de especial penosidade ou perigosidade a prolongar a súa vida laboral, mentres reducen a cota empresarial á Seguridade Social por continxencias comúns durante as incapacidades temporais das persoas maiores de 62 anos, subvencionando as empresas a conta da caixa da Seguridade Social.

Estas medidas destinada a fomentar o aumento da vida laboral con incentivos e recursos públicos, ademais de inxustas, impiden a entrada de xente nova no mundo do traballo, cronificando así a emigración e o paro entre as persoas menores de 25 anos.

Advirten que á lesividade desta nova reforma súmanselle os anuncios de  novas medidas para o ano 2022,  como ampliar o período de cálculo da pensións dos 25 anos actuais aos 35, ou aumentar a idade de xubilación, seguindo nesa lóxica de precarizar as pensións públicas.

O colectivo da CIG denuncia que por moito que se nos queira vender que estas son políticas de esquerda, "o que determina que realmente sexan de esquerda son os feitos e as decisións políticas, non as declaracións propagandísticas". E neste senso, insisten na necesidade de derrogar a reforma laboral como paso imprescindíbel para poder xerar emprego de calidade, "pois é fundamental a vía das persoas cotizantes para evitar que haxa déficit no sistema público de pensións".

Rexeitan tamén dende o colectivo que se fomenten os plans privados de pensións de emprego sustentados na negociación colectiva porque “privatizan parte das pensións atendendo as peticións da banca e das corporacións financeiras, aumentando a fenda entre persoas traballadoras precarias e non precarias”.

Neste sentido os/as xubilados/as e pensionistas da CIG cuestionan o chamado diálogo social que consideran unha ferramenta do capital contraria aos intereses da clase traballadora e da defensa do sistema público de pensións. Ao seu entender “é un exercicio da corrupción institucional do estado español ao negociarse ás agochadas o futuro do sistema público de pensións fóra dos ámbitos de representación institucional”.