Xubilados/as e pensionistas da CIG saen este xoves ás rúas en demanda de pensións dignas

Rexeitan a nova reforma que está a tramitar o Congreso porque consolida os recortes da anterior

Nacional -

O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG volverá a saír mañá ás rúas de cidades e vilas galegas para manifestar o seu rexeitamento á reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos deputados. Denuncia que non garante unhas pensións dignas e que consolida os recortes introducidos coa de 2011.

MOBILIZACIÓNS PREVISTAS

Ferrol: 11h, diante do INSS

Vigo: 18:30h, diante da Praza de Abastos do Calvario

Moaña: 12h, Praza do Concello

Ourense: 11h, diante do INSS

A Coruña: 11h, Subdelegación do Goberno

Pontevedra: 11h, Praza da Peregrina

Lugo: 11:30h diante do Concello

Compostela: 11h, Praza do Toural

 

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG considera que a non derrogación da reforma das pensións do 2011 implica manter a perda dun 25% nas pensións pola ampliación da idade de xubilación aos 67 anos e o aumento do período de cálculo aos 25 anos.

Considera simple propaganda a supresión do factor de sustentabilidade porque será substituído polo chamado “factor de equidade interxeneracional” que “suporá novos recortes nas pensións das xeracións do baby boom ao penalizar o aumento da esperanza de vida”.

Denuncia que con esta nova reforma tampouco se garante o poder adquisitivo das prestacións porque as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado, de acordo a carta social Europea, que sería neste momento de 1.150 € ao mes.

Sinalan que tampouco recupera a xubilación parcial e segue penalizando a anticipada, atrasando a idade de xubilación e fomentando o aumento da vida laboral, dificultando aínda máis o acceso da mocidade ao mundo laboral e abocándoa á a emigración e o paro.

Acusan ademais ao goberno de condenar a moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico mentres reducen a cota empresarial á Seguridade Social por continxencias comúns durante as incapacidades temporais das persoas maiores de 62 anos, subvencionando as empresas a cargo da caixa da Seguridade Social.

Xunto a isto, critican a nova medida anunciada polo Ministro Escrivá que supón penalizar aínda máis á clase traballadora durante un período de dez anos para encher a caixa das pensións sen que iso repercuta nunha suba posterior da contía das futuras pensións da clase  traballadora.

Denuncian, xunto a isto, que se fomenten os plans privados de pensións de emprego sustentados na negociación colectiva que “privatizan parte das pensións atendendo as peticións da banca e das corporacións financeiras, aumentando a fenda entre persoas traballadoras precarias e non precarias”.

Volver