Xuízo ao Concello de Mugardos por vulneración do dereito á folga de dúas traballadoras no 8M

A CIG realizou unha concentración diante do xulgado de Ferrol en solidariedade coas compañeiras afectadas

Ferrol -

A CIG realizou unha concentración este martes diante dos xulgados de Ferrol en solidariedade coas traballadoras do Concello de Mugardos que viron vulnerado o seu dereito fundamental á folga durante a folga de mulleres do pasado 8 de marzo. A protesta desenvolveuse coincidindo coa celebración do xuízo polas denuncias presentadas contra estes feitos tanto por ambas empregadas como pola propia central sindical.

Á saída do xuízo, Camem Viso, secretaria comarcal da CIG-Administración de Ferrol, valoraba positivamente o desenvolvemento da vista, especialmente tendo en conta que a Fiscalía estimou parcialmente a demanda ao entender que se produciu unha violación dos dereitos fundamentais destas traballadoras. Pola súa banda, a avogada da CIG demostrou que o Concello impuxo uns servizos mínimos non negociados e que foron decretados de forma abusiva, logo do acordo alcanzado previamente coa representación social a este respecto.

"O Concello, engade Viso, pretendeu xustificar a vulneración do dereito á folga das traballadoras en base á tramitación dunha subvención que remataba o prazo o día 8, pero non fundamenta a urxente necesidade (conforme aos requisitos establecidos pola lexislación) nin a presunta fraude no procedemento da que o Concello acusa ás traballadoras".

Neste senso, a responsábel sindical subliña a importancia de que se recoñeza que houbo unha vulneración dos dereitos fundamentais das traballadoras, nunha data de especial incidencia como a folga de mulleres 8 de Marzo, e valora que, por unha vez, unha Administración teña que sentar no xulgado pola imposición duns servizos mínimos abusivos.

A alcaldesa obviou o acordo alcanzado coa representación social

Hai que lembrar que o pasado 8 de marzo, a alcaldesa de Mugardos obrigou a dúas traballadoras a acudir ao seu posto, saltándose así o acordo de servizos mínimos acadado coa representación social na véspera da folga de mulleres e no cal non estaban incluídas estas dúas empregadas. Porén, no último momento e a través dunha mensaxe de texto, o Concello obrigounas a acudir ao seu posto de traballo o 8 de Marzo.

A resposta da CIG a este ataque foi inmediata, situando dende a primeira hora da mañá do día 8 un piquete na porta do Concello. As traballadoras afectadas, despois de estar máis de media hora diante da porta pechada da casa consistorial accederon ao seu posto de traballo.

Logo dunha valoración dos feitos, tanto as traballadoras como a CIG-Administración presentaron denuncia no xulgado pola violación do dereito fundamental á folga, solicitando tamén que se impoña ao Concello a sanción máxima recollida na orde social.

Non cómpre perder de vista que os feitos denunciados ocorren no contexto de confrontación que se deu ao longo de todo este mandato entre a Alcaldía e o comité de empresa a causa do convenio colectivo que, tras dunhas longas e fracasadas negociacións, rematou no Consello Galego de Relacións Laborais. O organismo emitiu laudo arbitral dando a razóns ás demandas da parte social e avalando os acordos sobre diversos puntos aos que se chegou na mediación.

Volver