Xunta de Persoal de Xustiza pide unha "auditoría seria" antes de converter o edificio do hospital Xeral vigués en sede xudicial

A representación dos traballadores/as denuncia que non existe compromiso de gasto nos Orzamentos para ubicar nel a Cidade da Xustiza
Vigo - 21 Mar 2016
A Xunta de Persoal de Xustiza na provincia de Pontevedra compareceu en rolda de prensa este venres para reclamar unha “auditoría seria, externa e completa” antes de transformar o edificio do hospital Xeral de Vigo en sede xudicial. A representación dos traballadores/as denuncia que non existe un compromiso formal de gasto suficiente nos Orzamentos da Xunta para ubicar a Cidade da Xustiza no inmoble e sosteñen que se trata dun proxecto “politicamente oportunista”.

O presidente da Xunta de Persoal, Xosé Barreiro, da CIG, comezou a comparecencia amosando as dúbidas dos traballadores/as con respecto ao proxecto de ubicar a Cidade da Xustiza no edificio do antigo hospital Xeral de Vigo xa que o propio Goberno galego do PP anunciara que o inmoble, duns 60 anos de antigüidade, estaba esgotado e xa non servía. “Por iso reclamamos unha auditoría externa e completa sobre o estado actual do edificio e sobre as previsións futuras, xa que nos parece que non se pode basear un investimento de 30 millóns de euros nun informe de 12 páxinas das que unicamente unha é técnica”, indicou.

Ao mesmo tempo, Barreiro criticou que non exista un compromiso formal de gasto suficiente nos Orzamentos autonómicos para o proxecto, xa que polo de agora só hai consignados tres millóns de euros para a Cidade da Xustiza de Vigo, “o que obrigaría a reservar 24 millóns en 2017 e 2018”. Neste senso, lembrou que o anterior proxecto, que contemplaba a construción da Cidade da Xustiza na rúa Lalín -a carón dos actuais Xulgados-, custaría menos da metade de cartos.

Entre as principais preocupacións do persoal atópase tamén a ausencia de aparcadoiros na zona do Xeral, “algo que a Xunta quere resolver de xeito anómalo cun estacionamento en superficie no anexo 1, onde se atopaban as Urxencias, lugar no que hai pouco tempo se investiron sete millóns de euros para dotalo de quirófanos.

Reclaman información sobre o proxecto

O representante sindical quixo deixar moi claro que a Xunta de Persoal non se opón a que se melloren as instalacións xudiciais, “pero queremos saber a onde van ir os traballadores/as e en que condicións”. Precisamente por isto solicitaron unha xuntanza co conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, “porque queremos coñecer o proxecto en profundidade”.

Ademais, trasladou a necesidade de que se asine un convenio que involucre a todas as partes (Estado, Xunta e Concello) e demandou un proxecto que sexa atractivo tanto para a cidadanía como para os empregados/as. “Non nos opoñemos a que a Cidade da Xustiza se faga no Xeral, pero semella que nos atopamos ante unha nova batalla entre a Xunta e o Concello de Vigo”.

Finalmente, lamentou que a xestión do traslado por parte das Administracións estea a provocar “desinformación e preocupación” entre o persoal e censurou o que a representación dos traballadores/as considera oportunismo político do proxecto. “Semella que o señor Rueda quere o seu propio monte Gaiás para presentar a súa candidatura como presidente do PP pontevedrés”.