Xunta de Persoal do Chuvi e SOS Meixoeiro chaman a participar na marcha deste mércores contra o desmantelamento do hospital

Os traballadores/as da área sanitaria viguesa consideran que este centro é "un símbolo da política privatizadora da Xunta do PP”
Vigo - 21 Xun 2016
A xunta de persoal do Chuvi e a plataforma SOS Meixoeiro compareceron hoxe para facer un chamamento a todos os traballadores/as do Sergas e á cidadanía en xeral para que participen este mércores 22 na manifestación convocada para rexeitar o desmantelamento do hospital. Os colectivos de consideran que centro médico é "un símbolo da política privatizadora da Xunta do PP”.

A representación dos traballadores/as da área sanitaria de Vigo e SOS Meixoeiro ofreceron unha rolda de prensa esta mañá para facer un chamamento público á participación na marcha que percorrerá os exteriores do hospital este mércores a partir das 20.00 horas para rexeitar o seu desmantelamento. A comparecencia celebrouse no salón de actos do centro médico xusto cando se cumprían 21 días do inicio dun peche no interior do edificio no que participan por quendas centos e centos de empregados/as e usuarios/as.

Durante a mesma incidiron na grave problemática que padece o Meixoeiro a alertaron do seu progresivo desmantelamento por parte da dirección do Sergas, eivas que se reproducen no conxunto da área sanitaria. Neste contexto enmarcaron os “serios problemas” que acontecen no servizo de esterilización do Álvaro Cunqueiro, obrigando a suspender intervencións cando xa están programadas. “Cada vez a cidadanía é máis consciente do que está a suceder, xa case non fai falta que llo expliquemos, porque todo o mundo está a padecelo”, sosteñen.

Así, lembraron que esta situación fai que se continúan a derivar pacientes aos centros privados e denunciaron as “escandalosas” listas de de espera que rexistra a área sanitaria viguesa. Neste senso, reclámanlle ao Sergas que faga públicos os datos tanto do número de traslados ao sector privado como das listas de espera reais.

Finalmente, incidiron en que o que está a suceder co Meixoeiro é froito dunha “decisión política” coa que se busca ampliar o negocio das empresas privadas, polo que consideran que este centro médico é un “ símbolo da política privatizadora da Xunta do PP”.