Xunta e Ministerio trasladan a Alcoa e comité a proposta formal de prorrogar o período de consultas 6 semanas

Durante ese período non habería ningún despido nin parada de cubas

Nacional -

Está mañá celebrábase en Madrid unha xuntanza coa que se daba continuidade á celebrada o pasado mércores día 5 e á que ademais de asistir o secretario xeral de Industria; o conselleiro de Economía; o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e representantes de CCOO e UGT, asistiu tamén o presidente de Alcoa no estado español, Álvaro Dorado. Unha reunión na que os representantes de ambas as administracións trasladaron a proposta de prorrogar en seis semanas o período de consultas para facilitar o proceso de venda a Alliance GFG (Liberty House). Un período no que non se executará ningún despedimento, nin se pararán as cubas.

Tal e como se recolle no comunicado conxunto emitido polo Ministerio e a Xunta de Galiza, a proposta será remitida ao comité de empresa e a Alcoa para a súa aceptación, que en calquera caso deberá ser ratificada no marco da comisión negociadora (Alcoa e comité de empresa), que terá de marxe, para volverse reunir, até o vindeiro xoves 13 de agosto.

A proposta contempla que o período de consultas se estenda até o día 28 de setembro “prazo no que Alcoa se compromete tanto a negociar unha operación de compra-venda en exclusividade con GFG Alliance (Liberty House), como a manter a actividade industrial na fábrica de San Cibrao.

Durante este proceso, Alcoa comprométese tamén a informar regularmente á Xunta de Galiza, o Ministerio de Industria e os órganos e representantes de cada organización sindical, da evolución das negociacións. En concreto, no marco dunha mesa industrial, constituirase unha comisión formada por un representante do Ministerio, un representante de cada unha das organizacións sindicais (CIG, CCOO e UGT) e un representante de cada un dos sindicatos que conforman o comité de Alcoa San Cibrao.

A ampliación do período de consultas terá como obxectivo prioritario cerrar un acordo de compra venda, fixando o 27 de setembro como data límite para conseguilo. No comunicado recóllese ademais que “se non se concreta dito acordo, as partes que integran a comisión negociadora (Alcoa e comité de empresa) reuniranse o 28 de setembro co propósito de finalizar o período de consultas”.

Tanto a Xunta de Galiza como o Ministerio de Industria reiteran, ademais, o seu compromiso para seguir traballando conxuntamente con todas as partes e conseguir que o proceso de compra-venda da planta de Alcoa San Cibrao “teña as certezas necesarias para que a operación sexa efectiva e se alcance unha solución viable”.

Ambas as administracións valoran positivamente a boa fe do comité e de Alcoa para retomar o diálogo e a negociación a partir desta proposta e conclúen que “contar cun marco temporal máis amplo é demostrativo do esforzo de ambas as partes por acadar un acordo e buscar a mellor solución”.

Volver