A Xunta impón o novo PLADIGA tras un 2025 marcado polo conflito, os incumprimentos e o caos na xestión da vaga de lumes

A CIG-Autonómica critica a falta de negociación coa representación do persoal malia contemplarse modificacións das condicións e organización do traballo
Nacional - 24 Mar 2026

A CIG-Administración Autonómica critica que a Xunta volva actuar de maneira unilateral, aprobando e anunciando o PLADIGA 2026 (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza) sen negociación previa, e ignorando completamente a representación do persoal que traballa nos lumes.

Esta decisión prodúcese, ademais, tras un ano 2025 marcado polo conflito laboral, polas mobilizacións do persoal, polo incumprimento e a falla de vontade para a negociación e mellora dos acordos que regulan as condicións de traballo, así como por unha campaña de incendios que puxo en evidencia graves carencias organizativas e de xestión.

“Non podemos esquecer que a vaga de lumes do pasado ano deixou ao descuberto un dispositivo tensionado, con falta de medios, problemas de coordinación e decisións cuestionábeis que xeraron unha forte alarma social e arrasaron preto de 160.000 hectáreas”, salienta a CIG-Autonómica. Pero lonxe de corrixir estas deficiencias “desde o diálogo e a negociación”, a Xunta opta agora por profundar no mesmo modelo: máis imposición e menos participación.

Un instrumento que altera as condicións laborais

De feito, o persoal tivo coñecemento polos medios de comunicación das medidas que afectan directamente ás súas condicións laborais, malia contemplarse modificación reais da organización do traballo, das funcións e das relacións de postos de traballo, xa que segundo anunciou o propio Rueda tras da aprobación do PLADIGA 2026 no Consello da Xunta, haberá un incremento de brigadas -sen aclarar se son para o SPIF, SEAGA ou para seguir afondando nas externalización cos concellos-, novos medios e cambios organizativos.

A este respecto, o sector de Autonómica lembra que o PLADIGA non é un documento técnico neutro, senón un instrumento que altera condicións laborais e que debe ser negociado. “O que está a facer a Xunta é evitar deliberadamente a negociación colectiva e baleirar de contido os espazos de representación do persoal. E xa temos antecedentes, nestes plans foi onde se crearon unidades operativas sen existir sequera nas relacións de postos de traballo extraendo persoal ‘a dedo’ dos distritos (como coa UTA e UDEX)”, advirten.

Cómpre sinalar, ademais, que á fronte da Consellería do Medio Rural hai un novo equipo, “que lamentablemente comeza a súa etapa repetindo os erros do anterior”. A CIG-Autonómica agarda que a Consellaría rectifique e reconduza esta situación antes de que o conflito vaia a máis e que para vindeiras ocasións “negocien antes de aprobar”.

Por todo isto, a CIG-Autonómica esixe:

  • A apertura inmediata dun proceso real de negociación do PLADIGA 2026.
  • A entrega íntegra e urxente do documento.
  • A paralización da aplicación das medidas que afecten ao persoal mentres non sexan negociadas.
  • A convocatoria inmediata das mesas de negociación e das comisións de seguimento do persoal do SPIF, tanto laboral como funcionario.