A Xunta avanza na privatización sanitaria da Coruña e Cee con 45 millóns de euros máis para contratación externa

A CIG-Saúde denuncia a aposta do Goberno galego por un modelo asistencial baseado na derivación á sanidade privada en lugar de reforzar os centros públicos
A Coruña - 24 Nov 2026

A CIG-Saúde da Coruña denuncia a aposta do Goberno galego por continuar privatizando a asistencia sanitaria na área da Coruña e Cee, tras a autorización polo Consello da Xunta da tramitación dun acordo marco para a contratación de servizos sanitarios complementarios, cun orzamento de licitación de 44.963.132 euros.

O sindicato considera especialmente preocupante que, baixo o argumento de complementar os recursos do SERGAS e reducir as listas de espera, a Xunta consolide un modelo asistencial baseado na derivación de actividade á sanidade privada, en lugar de incrementar a capacidade resolutiva dos centros públicos.

O acordo marco terá unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga por outros tres, o que evidencia “que non se trata dunha resposta puntual ás necesidades asistenciais, senón dunha aposta por manter a externalización de servizos a longo prazo”.

Para a secretaria comarcal da CIG-Saúde, Isabel Golpe, resulta especialmente significativo que a Xunta autorice esta contratación mentres reduce nun 46% o investimento previsto para as obras do novo CHUAC en 2027, pasando de 100,1 a 54,1 millóns de euros, tal e como denunciou a Xunta de Persoal o pasado 6 de novembro. Unha decisión que pon de manifesto “cales son as prioridades do Goberno galego nun contexto de sucesivos atrasos na ampliación do hospital público”.

A privatización abrangue diferentes ámbitos da asistencia sanitaria

Golpe explica que esta nova contratación contempla tres lotes: máis de 24 millóns de euros para procesos médicos e intervencións cirúrxicas, máis de 10 millóns para probas diagnósticas e terapéuticas e outros 10,8 millóns de euros para tratamentos de hemodiálise en centros hospitalarios.

“A dimensión económica e a diversidade das prestacións incluídas neste acordo revelan o alcance da política privatizadora da Xunta nunha área sanitaria que atende máis de 547.000 persoas de 37 concellos”, valora.

Para a CIG-Saúde, resulta necesario coñecer que medidas se están adoptando para asumir esta actividade con medios propios, que capacidade teñen os centros públicos da área sanitaria e que investimentos serían necesarios para dar resposta á demanda asistencial sen recorrer á contratación externa.

Reforzar os recursos propios fronte á externalización

Esta decisión, ademais, prodúcese despois de que a CIG-Saúde lle solicitase á Consellaría de Sanidade unha investigación ante posíbeis irregularidades na realización de probas diagnósticas derivadas a centros privados, cuestionando os mecanismos de supervisión e control da actividade contratada.

O novo acordo marco reforza a necesidade de avaliar non só as garantías asistenciais das derivacións, senón tamén o seu impacto económico e as consecuencias que este modelo ten sobre o desenvolvemento da sanidade pública.

A CIG-Saúde da Coruña exixe que a prioridade da Xunta sexa incrementar os recursos humanos e materiais do SERGAS, reforzar os seus servizos e garantir que os fondos públicos se destinen a fortalecer a capacidade asistencial da sanidade pública, en lugar de consolidar a dependencia das empresas privadas.