A secretaría da Muller da CIG concédelle o Premio do '8 de Marzo' a Berta Castaño

Margarida Corral asegura que “non imos nin un só retroceso máis nos nosos dereitos”

Compostela -

Na VII Edición do Premio 8 de Marzo, a Secretaría da Muller da CIG outorgou este recoñecemento a para Berta Castaño Torrado, delegada da CIG no Comité de Empresa da Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, que vén padecendo unha situación de acoso moral e represión sindical no seu centro de traballo desde hai máis de dous anos, que foi despedida durante o seu embarazo e que tivo que ser readmitida no seu posto de traballo.

(Galería de imaxes)

O premio foi entregado pola secretaria confederal de Muller e Mocidade, Margarida Corral, quen fixo especial fincapé en que o despedimento desta traballadora, cando estaba embarazada e amparándose na reforma laboral, produciuse no ámbito da administración, o que provocou que o comité de empresa da Fundación convocara constantes mobilizacións durante o ano 2012.

Corral enmarcou o conflito en toda unha serie de actuacións denunciadas pola CIG, xa que houbo na mesma Fundación “outros casos de despedimentos de traballadoras, poucos días despois de dar a luz, ou despedimentos por burofax durante lúas de mel ou vacacións, realización de horas extraordinarias irregulares, ou simplemente despedimentos de persoal non afín ideoloxicamente, mentres se promociona e ascende a dedo a amizades e colegas de partido da por aquel entón xerenta da Fundación”.

Nin un só retroceso máis

A secretaria confederal subliñou que as mulleres, ante a actual situación, “non imos permitir nin un só retroceso máis no avance dos nosos dereitos” e apostou por conseguilo nas mesas de negociación dos convenios, nas negociacións de plans de igualdade, mediante protocolos de acoso, “pero tamén coa nosa forza mobilizadora”.

Insistiu en que a defensa dos dereitos das mulleres non se pode cinguir exclusivamente a unha data e lembrou que durante o ano 2012 a patronal, escudándose na situación de crise e amparándose nun marco lexislativo que serviu para darlles carta branca aproveitou para “precarizar as condicións nas que as mulleres desenvolvemos o noso traballo, coa intención de obter máis beneficios nun tempo menor”.

Para demostrar esta situación, fixo un percorrido polos conflitos vividos no último ano que afectaron a empresas e sectores especialmente feminizados. Así lembrou a denuncia das compañeiras de COASA, da federación de Químicas, contra a empresa diante da Inspección de Traballo por dar de alta a traballadoras que estaban de baixa por lactación, por desenvolver o seu labor en contacto con substancias perigosas, logo de que a Mutua denegase a suspensión de contratos por risco por esta continxencia.

Tamén sinalou as numerosas mobilizacións convocadas pola federación de Banca en demanda dun convenio xusto para o telemarketing, que pola súa composición visibilizou a loita feminina. “É o caso das mobilizacións das traballadoras de Bosch, contra os despedimentos, sancións e a represión sindical, logo de que se denunciasen a temporalidade e a precariedade do persoal contratado polas ETT”, dixo, engadindo outros exemplos no sector como o das traballadoras de Extel (antiga EUROCEN); UNÍSONO de Vigo;  de ATENTO ou de SYKES.

Subliñou que o 2012 foi un ano de mobilizacións da federación de Servizos polo desbloqueo dos convenios de comercio vario, comercio de alimentación, téxtil e hostalería, que afectan na súa meirande parte a mulleres. E fixo referencia ás mobilizacións das traballadoras de Serviasistencia, unha empresa encargada do servizo de axuda no fogar do concello de Ferrol, que adebedaba tres meses de salarios, non respectaba o descanso legal e non lles pagaba a nocturnidade nin as horas extras.

Lembrou ademais as loitas das traballadoras do servizo de limpeza da Universidade de Santiago; as da limpeza do Hospital de Cee (Limpisa); as da limpeza do Hospital Lucus Augusti; a folga de preto dun mes das traballadoras da empresa OH VIGO; das compañeiras de Clece,  concesionaria da limpeza municipal de Vilagarcía; das afiliadas da CIG da empresa que xestiona a cafetaría da base militar de Figueirido ou das traballadoras de Linorsa.

Resaltou tamén a condena a INDITEX por contratar esquirois para substituír ao persoal que participou na folga xeral do 27 de xaneiro e os recortes en materia de conciliación en ZARA e Massimo Dutti.

Salientou, na FGAMT, as mobilizacións das traballadoras de Maffeco e Alfageme e das mariscadoras a pé e lembrou os casos concretos da delegada da CIG en Yudigar, que leva máis dunha década sufrindo acoso laboral, e que foi despedida logo de participar como candidata da CIG nas eleccións sindicais. E novamente recordou o caso de Nélida Pisco, que segue a sufrir unha situación de acoso, definida mesmo pola Inspección de traballo, como constitutiva de mobbing, psicoterrorismo e acoso laboral.

“Foi un ano no que tivemos que denunciar situacións de altas indebidas da Seguridade Social, como o caso dunha compañeira á que se lle dou a alta médica pese a padecer máis de 15 doenzas diferentes e ter recoñecida a Incapacidade Permanente Total, pola que tivo que deixar o seu traballo nun almacén de pensos. Foi unha loita contra as incongruencias dun sistema que non lle quere recoñecer a incapacidade permanente absoluta, de xeito que non poderá traballar nin acceder a unha pensión digna”, explicou.

Non esqueceu as mobilizacións das mulleres contra a desaparición do Programa Preescolar na Casa, nin as protagonizadas polas traballadoras do Consorcio, contra os recortes nos servizos públicos, contra a supresión de prazas e o incremento de taxas nas escolas infantís, agora chamadas Galiña Azul.

Xunto a iso, denunciou as mobilizacións contra o “ideario pedagóxico reaccionario e ultraconservador da Xunta de Galiza, ao servizo unha vez máis do Opus Dei”, denunciou os recortes nos servizos públicos, mentres se destinan grandes sumas de diñeiro nos concertos educativos con centros que segregan ao alumnado en función do sexo e lembrou as manifestacións non só de traballadoras, senón tamén de moitas mozas convocadas por organizacións como Galiza Nova, Comités e Liga Estudantil Galega, en resposta ao ataque contra un dereito fundamental como é o caso do ensino público.

Recortes en sanidade pública

A secretaria confederal denunciou a pretensión do Partido Popular de introducir o copago tamén nas mamografías de control e as políticas antiabortistas postas en marcha a través de entidades ultraconservadoras de asesoramento a mulleres embarazadas como a Red Madre, mesmo desde a páxina do SERGAS logo da aprobación da ILP e da Lei de Familia por parte do PP.

Políticas contra as que, lembrou, a CIG saíu á rúa en varias ocasións “contra o ataque aos nosos dereitos sexuais e reprodutivos derivados da ameaza de reforma de Lei de interrupcion voluntaria do embarazo”.

Vulneracións do dereito á igualdade houbo até en Correos, onde Corral lembrou que a empresa mesmo foi condenada por discriminar salarialmente a unha muller que sufrira un aborto, ao aplicarlle descontos en determinados complementos retributivos, dándolle ao aborto un tratamento de enfermidade común.

Do mesmo xeito mencionou os despedimentos en AGADER ou os ceses de orientadoras de oficinas de emprego. A reconversión de instalacións como o centro de Menores de Soutomaior e os recortes e a amortización de postos de traballo relacionados coa dependencia, alén da privatización de varios servizos públicos, moitos deles xestionados con cartos públicos por organizacións de carácter relixioso ou vinculadas ao Opus Dei.

Xunto a isto, salientou as mobilizacións xunto con varias organizacións de mulleres vítimas de violencia de xénero contra as novas taxas xudiciais aprobadas polo PP, tamén polo prexuízo que supón a aplicación ás mulleres, ao limitar o acceso ao dereito fundamental á tutela xudicial efectiva e a ampla participación das mulleres nas folgas xerais convocadas neste ano, “en resposta a unha reforma laboral que alén de supoñer un ataque contra as condicións dignas de traballo, até a patronal ven de recoñecer que supuxo máis paro”.

A secretaria confederal de Muller responsabilizou desta situación ao sistema capitalista que “segue abrindo fendas entre as clases sociais e articulando unha división sexual da sociedade e do traballo que nos prexudica tanto como antes”.  Proclamou que “continuamos fartas dun sistema que xera fame, miseria, desemprego, opresión e desarraigo”, e chamou a participar nas mobilizacións convocadas ou nas que participa a central sindical con motivo do 8 de marzo.

Mobilizacións

A CIG ten convocadas nas cidades concentracións, no marco dunha xornada nacional de loita, o propio 8 de marzo, ás 12:00 da mañá:

- Coruña, diante da empresa EUROCEN,

- Compostela, diante da oficina da Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, en Área Central

- Lugo, diante do Gran Hotel de Lugo

- Ourense, diante da Confederación de Empresarios, ás 12 horas.

- Vigo e Ferrol, en resposta ás duras condicións laborais impostas no convenio das grandes superficies comerciais (en Vigo diante do Corte Inglés, e en Ferrol diante do Centro Comercial Odeón)

Alén destas concentracións de traballadoras, a CIG participará nas concentracións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, na tarde do día 8 en Vigo e Ferrol, e na concentración cidadá prevista na Coruña contra o peche do Centro de Orientación Familiar da Coruña, como organización convocante xunto con outras asociacións e entidades feministas na mobilización nacional que sairá o día 9 de  marzo ás 12:30 horas da Estación de tren de Compostela, baixo o lema Mulleres Galegas en loita polos nosos dereitos!, e nas mobilizacións comarcais convocadas pola CIG o 10 de marzo, Día da clase obreira galega.