Centos de persoas mobilízanse nas sete cidades en defensa da paz, contra as agresións imperialistas e o aumento do gasto militar
Centos de persoas participaron esta tarde nas concentracións convocadas pola Plataforma Galiza pola Paz (da que fai parte a CIG) en rexeitamento aos ataques estadounidenses ao Irán, polo seu carácter imperialista e por abrir a porta a unha escalada bélica de consecuencias impredicíbeis.
Nas protestas tamén se rexeitou o acordo para incrementar aínda máis os gastos militares acadado na cimeira da OTAN que afonda “nun camiño de militarización da economía e da sociedade que de nada serve para mellorar as nosas vidas, nin para gañar en seguridade”. Fronte a isto, a plataforma demandou unha aposta clara pola diplomacia e o respecto ao dereito internacional “que garanta a paz en base ao dereito dos pobos ao exercicio da súa soberanía sen inxerencias”.
A seguir reproducimos o comunicado lido ao remate das concentracións nas sete cidades:
Diante da gravidade dos recentes ataques dos Estados Unidos contra o Irán, da Plataforma Galiza pola Paz queremos subliñar os seguintes aspectos:
Os ataques estadounidenses constitúen unha agresión imperialista e unha provocación que abre a porta a unha escalada bélica de proporcións difíciles de medir e máis un paso na renuncia á diplomacia e á negociación en favor do uso da forza.
Estes ataques foron realizados respondendo principalmente aos intereses dos Estados Unidos e de Israel e do resto de potencias occidentais, sen contar nin sequera consultar coas Nacións Unidas, e sen que mediase agresión previa por parte de Irán que, antes ao contrario, viña de recibir os ataques previos do estado sionista de Israel que iniciaron esta escalada.
Este tipo de agresións inciden de novo na impunidade que a autoproclamada comunidade internacional garante. Ninguén está a exixir responsabilidades aos Estados Unidos e a Israel. A Unión Europea limítase a pedir contención a Irán en relación á súa posíbel resposta, pero non o fixo cando os Estados Unidos ameazaron con lanzar estes ataques.
Este novo paso cara a unha guerra rexional dáse no marco do xenocidio palestino e das sucesivas agresións ao Líbano, ao Iemen ou á Siria por parte de Israel.
Estes ataques tamén se dan no contexto do mal chamado “rearme” das potencias occidentais onde a UE pretende mobilizar 800mil millóns de euros seguindo á doutrina exterior norteamericana e da OTAN que, como se comproba ao longo da historia, é netamente agresiva.
Da Plataforma Galiza pola Paz rexeitamos o acordo de incrementar aínda máis os gastos militares ao que se comprometen os membros da OTAN na cimeira da Haia que vén de celebrarse. Este aumento dáse na secuencia dun incremento anterior aprobado pola propia OTAN en 2014 que exixía aos seus membros un investimento en armas e estocaxe de material militar até o 2% do PIB en 2029. Sen que se teña cumprido o período para materializar aquel acordo, os Estados Unidos e a OTAN exixen de novo os membros para que os fondos se incrementen aínda máis.
E rexeitamos tamén o falso debate sobre as porcentaxes e os prazos dese incremento. Convén lembrar que, no caso do Estado español, o incremento de 0,9% a 2% xa está a implicar a detracción de grandes cantidades de diñeiro público da sanidade e doutros servizos públicos para gastos militares, e que se deu de costas á opinión pública e sen aprobación ou sequera debate parlamentar.
Este novo paso adiante, tanto fai se é para situarse no 2,1% ou no 3,5% ou no 5%, implica en todo caso continuar nun camiño de militarización da economía e da sociedade que de nada serve para mellorar as nosas vidas, nin para gañar en seguridade, nin tampouco para avanzar naquel argumento de “maior autonomía europea” co que os membros da UE tentaban hai só unhas semanas xustificar estas medidas. A realidade é que, para materializar os ataques de Israel e dos Estados Unidos ao Irán, todos os membros da OTAN puxeron ao dispor as súas bases, equipamentos de reabastecemento, intelixencia militar, etc.
Da Plataforma Galiza pola Paz exiximos a paralización de todo incremento do gasto militar, a denegación do espazo aéreo e das bases militares ao servizo da OTAN para calquera tipo de colaboración coa agresión contra Irán ou contra calquera outro Estado soberano e a inmediata retirada da fragata Méndez Núñez, con base no arsenal militar de Ferrol e que neste momento participa nun grupo de combate con buques británicos e norteamericanos na zona.
Exiximos do goberno do Estado español e do goberno galego a condena desta agresión dos Estados Unidos ao Irán e que mobilicen esforzos pola resolución diplomática do conflito, que termine coa escalada bélica contra Irán, cos ataques ao Líbano e ao Iemen e co xenocidio palestino. Débese exixir o respecto ao dereito internacional que garanta a paz en base ao dereito dos pobos ao exercicio da súa soberanía sen inxerencias, na Asia Occidental e en calquera outra parte do mundo.