A administración concursal de Barreras acepta readmitir o delegado da CIG despedido como represalia

Poderá abandonar a empresa nas mesmas condicións que o resto de afectados/as polo ERE
Vigo - 15 Xun 2022

A administración concursal do estaleiro vigués Barreras accedeu hoxe a readmitir o delegado da CIG no comité de empresa que fora despedido como represalia tras a ocupación simbólica das instalacións da compañía na avenida de Beiramar. Así o comunicou hoxe na xuntanza de negociación do ERE para arredor dun cento de traballadores/as, de xeito que o representante sindical poderá abandonar a empresa nas mesmas condición que o resto de compañeiros/as no caso de que finalmente non se consiga frear os despedimentos.

A readmisión de Rafa Pérez era unha esixencia da central sindical, que dende un primeiro momento denunciou o “inxusto e arbitrario” dunha decisión coa que se pretendía calar a CIG e amedrentar o cadro de persoal, tendo en conta que o delegado despedido nin sequera participou na acción de protesta para demandar unha solución á grave crise que atravesa o estaleiro. 

Tras a decisión procederase a suspender o xuízo no que se reclamaría a nulidade do despedimento

Na central sindical entendían que ante o proceso de liquidación que enfronta a empresa todo o cadro de persoal debía contar cos mesmos dereitos, “e ao ser despedido Rafa quedaba nunha especie de limbo”. Pero agora poderá abandonar a empresa nas mesas condicións que o resto de compañeiros/as, no caso de que non se logre paralizar o ERE. Neste senso, a CIG anunciou recentemente que solicitará xuntanzas cos Gobernos español e galego para reclamarlles que interveñan para evitar os despedimentos.

Unha vez se consume a readmisión, procederase á suspensión do xuízo no que o afectado ía reclamar a nulidade da rescisión do contrato. Precisamente co obxectivo de lograr a volta de Pérez á empresa a CIG desenvolveu unha intensa campaña de mobilizacións que ao final fixo posíbel a súa reincorporación.