A afiliación media á seguridade social reduciuse en 13.752 persoas en Galiza no mes de xaneiro

Cae 5 veces máis do que medra o paro, estendéndose “coma un virus” polo mercado laboral
Nacional - 04 Feb 2020

O número de persoas paradas rexistradas no Servizo Público de Emprego, acadou en Galiza as 167.755. Un 1,48% máis ( 2.447 persoas) que no mes de decembro. Este medre débese ao forte incremento do paro rexistrado no sector servizos (2,83%), xa que tanto en Construción (-1,7%), como en Industria (-1,16%), baixou o desemprego. Diante destes datos o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, denuncia como “a parcialización, a temporalidade e a emigración da mocidade están desangrando o país, mentres o goberno da Xunta pretende converternos nun simple destino turístico”.

A pesar do aumento do paro, a contratación continuou incrementándose. Concretamente rexistráronse 85.856 novos contratos no mes de xaneiro (tan so  o 10% de carácter indefinido). Unha cifra superior, tanto ao mes de  decembro, como a xaneiro de 2019. “Cada vez se rexistran máis contratos, o que evidencia  o forte medre da rotación no emprego das persoas asalariadas con contrato temporal en Galiza, e polo tanto o medre continuo da precarización do emprego”, denuncia o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle.

Cae a afiliación á Seguridade Social 5 veces máis do que medra o desemprego

Xunto a isto, alerta de que “a perda de afiliación à seguridade Social se estende como un virus polo mercado laboral galego”. E é que segundo os datos que se veñen de facer públicos, a caída da afiliación é 5 veces superior ao medre do desemprego, xa que mentres que esta se reduciu en 13.752 persoas o paro descendeu en 2.447.

Son varias as razóns que poden explicar este desfase: desde a falta de confianza no SEPE, á emigración, a xubilacións…, ou a unha combinación de todas. En calquera caso, Cartelle afirma que “non fai máis que agravar a xa precaria situación laboral galega”.

Menos cobertura, máis pobreza

No que atinxe a protección por desemprego, tan só o 57% das persoas desempregadas percibiron algún tipo de prestación por desemprego no último mes do ano. E destas máis da metade eran subsidios ou Renda Activa de Inserción. Os datos así o constatan: hai 94.323 persoas beneficiarias de prestacións das que 45.564 recibiron unha prestación contributiva, mentres que 42.068 percibiron un subsidio e 6.689 a Renda Activa de Inserción.

Por iso Cartelle advirte dos cada vez maiores riscos de exclusión social diante da evidencia de que “tan só o 48% das traballadoras/es con acceso a cobertura social o fai mediante unha prestación contributiva”.

Canda isto chama a atención sobre o feito de que “preto de 100.00 persoas na Galiza malviven con prestacións que non garanten a cobertura dos mínimos vitais”. Por iso exixe a retirada do IPREM como referencia das coberturas sociais e voltar a referencialo ao SMI.

O secretario confederal de Emprego denuncia, máis unha vez, os efectos perversos das "reformas" laborais que “continúan a precarizar a vida das traballadoras galegas”. Por iso urxe “á derrogación total dunha normativa laboral que pretende perpetuar a figura do traballador/a pobre”.