A CIG-Administración Autonómica gaña as eleccións sindicais en Política Social

Obtivo 31 dun total de 94 delegadas/os a escoller

Nacional -

A CIG-Administración Autonómica gañou as eleccións sindicais celebradas o pasado xoves, día 24 de outubro, en Política Social, ao obter 31 das/os 94 delegadas/os a escoller. A central sindical gañou ademais nos comités de todas as provincias, agás en Ourense, onde empatou en delegadas/os con CCOO. Por iso agradecen a confianza depositada e comprométense a traballar “para conseguir un futuro mellor”.

Cun ámbito de máis de 6.000 persoas traballadoras e unha grande participación, a CIG situouse como forza maioritaria o que, segundo sinalan desde a CIG-Administración Autonómica, “avala o noso traballo de defensa dos dereitos das persoas empregadas públicas e o rexeitamento dos acordos lesivos asinados por outros sindicatos”.

Estas eran as primeiras eleccións onde se elixía un órgano de representación único, tanto para quen traballa nos centros da consellería, como para quen traballa no Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar.

Confrontación

A CIG-Administración Autonómica subliña que “fronte a confrontación entre colectivos de traballadores e traballadoras que outros sindicatos promoveron nesta campaña, a CIG cre e fomenta a unidade, porque os intereses son iguais, os problemas son comúns e porque somos unha unidade indivisíbel e a única confrontación posíbel é coa nosa empresa e non entre nós”.

Xunto a isto considera que o voto á CIG avala tamén “unha política de reivindicacións e propostas en defensa das traballadoras e traballadores do consorcio e da consellería”. Unha liña de traballo a prol de “recuperar dereitos laborais, de implantar horarios e medidas de conciliación do século XXI, de establecer a xornada de 35 horas, de asegurar a estabilidade laboral, de cobrar uns salarios dignos”.

Pero o voto á CIG é tamén, segundo explican, “un voto contra aqueles que buscaron a desigualdade negando a carreira profesional á metade das compañeiras e tendo que acudir a unha funcionarización forzosa, que negociaron ofertas de emprego ridículas e taxas de reposición, que renunciaron a defender os descansos e o artigo 19 do V Convenio. E tamén un berro forte contra os que apostaron por defender ao patrón fronte aos/as traballadores/as”.

Coa confianza renovada as compañeiras e compañeiros da CIG de Política Social xa adiantan que afrontan “uns anos decisivos onde sabemos que temos o respaldo maioritario das persoas desta consellería para seguir traballando cara a un futuro mellor”.

 

Volver