A CIG advirte que o despido de 102 traballadores/as de Barreras pon en grave risco o futuro do estaleiro vigués

A central anuncia recurso contra a decisión do Xulgado do Mercantil
Vigo - 29 Xul 2022

Para a CIG-Industria, o despido de 102 traballadores/as de Barreras acordada onte polo Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, pon en grave risco o futuro do estaleiro ao deixar a empresa sen persoal e sen estrutura organizativa, “afondando nun modelo produtivo xa fracasado como é o estaleiro de síntese”. Porque unha unidade produtiva sen persoal que condicione a necesidade de busca activa de proxectos “é un lastre para a súa continuidade”.

Os servizos xurídicos da central sindical xa están a preparar o correspondente recurso contra unha decisión xudicial “que evidencia a falta de políticas industriais dos Gobernos español e galego e o abandono do sector por parte das Administracións central e autonómica”. 

O cadro de persoal recibirá só 20 días por ano traballado

Deste xeito, os 102 empregados/as de Barreras, en fase de liquidación tras seren declarada en concurso voluntario, verán rescindidos os seus contratos con data 1 de agosto e percibirán de indemnización unicamente 20 días por ano traballado.

Para a CIG todo o que está a acontecer con Barreras é un “auténtico despropósito” que ten como agravante a inxección de diñeiro publico e as “diferentes e nefastas” direccións do estaleiro, “sen ningún control ni fiscalización, sendo as Administracións máis que conscientes de que este estaleiro privado, o máis grande do Estado español, era unha garantía para a subsistencia da industria auxiliar galega”.