A CIG amplía a súa maioría sindical en UNEMSA

A FCM reforza a súa posición no sector da madeira
Carballo - 29 Set 2020

A Federación de Construción e Madeira da CIG vén de gañar as eleccións ao o comité de empresa de UNEMSA, fábrica de taboleiro radicada en Rus (Carballo) que emprega a case 100 operarios/as e pertencente ao grupo INTASA.

No proceso electoral, celebrado onte 28 de setembro, a central nacionalista obtivo un total de 41 votos na colexio de especialistas, por 20 da lista de UGT, mentras que na oficina o candidato da CIG obtivo 9 votos, por 5 da UGT. Estes resultados supoñen que a CIG ampliará a súa maioría de 3 a 4 membros dos 5 con que conta o comité.

A CIG segue así consolidando a súa hexemonía nas grandes empresas galegas do moble e da madeira, pois á recente vitoria nas primeiras eleccións sindicais de Ramón García súmase agora un éxito noutra das grandes factorías do sector do taboleiro.

Dáse a circunstancia que a CIG leva un ano desenvolvendo un intenso traballo para poñer en marcha CIG Taboleiros para aumentar a sinerxía entre as distintas empresas do sector, mediante a creación de grupos de traballo que se reúnen periodicamente para fixar liñas de colaboración e obxectivos comúns. UNEMSA é unha destas empresas máis activas na dita iniciativa, que vén de celebrar o seu terceiro encontro nacional en Ferrol.