A CIG anuncia a inminente folga no sector de ambulancias tras rachar a negociación do convenio

A patronal propuxo rebaixas salariais do 6-7% e sociais de arredor do 3%
Nacional - 14 Xan 2019

Representantes do sector de transportes da FGAMT-CIG e delegadas/os do sector de ambulancias da Área Sanitaria de Santiago compareceron esta mañá, en rolda de prensa, para anunciar a inminente convocatoria de folga logo de que a patronal rachara, o pasado venres, a negociación ao retomar a proposta de rebaixa do convenio dun 10%.

A proposta será explicada ás delegadas e delegados da CIG na asemblea que está convocada para o vindeiro mércores e aí se decidirá se é unha folga indefinida, parcial ou como se desenvolverá. Á súa vez as delegadas e delegados levarán ás asembleas de traballadoras e traballadores do sector, arredor de 1.600, este acordo para a súa ratificación.

Segundo explicou o responsábel nacional do sector de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, a do venres era a terceira xuntanza da mesa de negociación que se producía despois de ter rachado con anterioridade –o convenio leva caducado 3 anos- pola pretensión da patronal de propor unha rebaixa do 10% do convenio.

Lembra que se tiña acordado retomar as xuntanzas poñendo o contador a cero. Por iso amosou a súa sorpresa ao pór a patronal de novo esa mesma proposta de recortes salariais e de dereitos sociais enriba da mesa.

Redución dun 10% do convenio

Segundo sinalou, a proposta da patronal contempla unha redución salarial do 6-7% dos salarios mais quitar os complementos por IT; reducir días de asuntos propios; crear 3 escalas salariais, á baixa, e mesmo recortar en lavado de roupa e uniformes.

Fronte a isto, as reivindicacións das traballadoras e traballadores resúmense en tres aspectos: incremento salarial pola vía, entre outros, do recoñecemento do dereito a percibir a terceira paga extra; reducir o número de horas, que se ampliaron nestes últimos anos ao medrar nun 20% o número de servizos realizados sen incrementar o persoal; e en materia de saúde laboral, xa que mentres a media de baixas en Galiza é dun 5%, neste sector, malia a media de idade estar nos 40 anos, a media de baixas –na inmensa maioría por problemas musculo-esqueléticos- é do 13%.

Xunto a isto, tamén queren mudar a situación das traballadoras e traballadores que están sendo contratadas/os en prácticas pero cobrando menos que o resto do persoal.

A Xunta responsábel

Con todo, Pastoriza responsabilizou desta situación á Xunta de Galiza, primeiro por sacar contratos por debaixo de custo e logo por aceptar as propostas con baixa temeraria que presentaron as empresas para competir entre elas.

Ademais responsabilizou á Xunta de permitir que as propias ambulancias circulen nas condicións nas que o fan. A este respecto, Inácio Pavón, representante da FGAMT-CIG de Compostela explicou que hai vehículos nos que chove dentro, ambulancias cos escalóns para facilitar o acceso das persoas con mobilidade reducida rotos, o que obriga a colocar unha caixa de cervexa para que suban; uniformes que non se desinfectan e poderían provocar un problema de saúde pública ou xente que nin sequera ten uniformes para traballar.

Unha situación que a Xunta permite, como permite tamén que se incumpran as plicas da contrata que obrigaban ás empresas a renovar a flota de vehículos pero que, en lugar de facer isto, se están intercambiando os coches unhas e outras.

Con todo isto sobre a mesa, Pavón emprazou ao resto de centrais sindicais a sumarse á convocatoria de folga aínda que advertiu que, de non o faceren, a CIG continuará en solitario e concluíu que “non sabemos que máis ten que pasar, para que se sumen”.