A CIG ataca o negocio das falsas cooperativas na industria cárnica

A Inspección de Traballo obriga a Servicarne a dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social a 5000 autónomos/as

Nacional -

A CIG leva anos tras a pista das falsas cooperativas da industria cárnica que basean o seu negocio na explotación de milleiros/as de traballadores/as, un fenómeno que dende a central cualifican de “escravitude 2.0” xa que padecen unhas condicións laborais “do século XIX”: sen horario fixo, con ritmos de traballo salvaxes, sen cobrar os descansos, cun estrito réxime de sancións, sen dereito a baixas, sen poder gozar de licenzas retribuídas, etc. Agora, tras máis dun cento de denuncias presentadas pola central na Inspección de Traballo e no Xulgado, a autoridade laboral vén de emitir unha resolución que obriga a Servicarne a dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social a 5000 autónomos/as no conxunto do Estado, máis dun milleiro deles/as en Galiza.

Nunha decisión sen precedentes, a Dirección Especial da Inspección de Traballo, con sede en Madrid, vén de comunicarlle a Servicarne que ten que dar de alta no réxime xeral a estes/as traballadores/as. A resolución, que afectará a máis de 1000 empregados/as galegos/as, chega tras o cento de reclamacións individuais tramitadas pola CIG diante da autoridade laboral dende 2016 e da denuncia por fraude na contratación presentada nos Xulgados.

Isto obrigará as empresas ás que Servicarne lles cede traballadores/as a ter que incorporalos/as ao seus cadros de persoal como empregados/as propios/as, tal e o caso de Frigolouro -do grupo Coren-, á que a Inspección de Pontevedra xa lle comunicou que ten que facelo antes do vindeiro mes de novembro. Deste xeito, os 250 falsos/as autónomos/as dependentes de Servicarne que desenvolven o seu labor na compañía do Porriño deberán pasar a formar parte da empresa cos mesmos dereitos que o resto de traballadores/as.

É de agardar que a autoridade laboral das outras dúas provincias nas que hai empregados/as de Servicarne (Ourense e Lugo) comunique proximamente a decisión ao resto de empresas usuarias do persoal da falsa cooperativa, que no caso galego se circunscribe practicamente á cooperativa ourensá Coren, xa que conta nas súas instalacións con preto dun milleiro de traballadores/as de Servicarne (contando os que traballan para Frigolouro e Novafrigsa). Na provincia de Lugo operan outras firmas, como é o caso do Grupo Sada, dedicada á produción avícola.

Reclamacións individuais

A partir de entón os afectados/as poderán reclamar con efectos retroactivos as cotas de autónomos/as que tiveron que aboar dende hai catro anos. A CIG iniciará en breve a presentación das demandas individuais de cada cooperativista que queira facelo. Moitos/as deles/as xa comunicaron a súa intención de reclamar nas concorridas asembleas celebradas pola central en Lugo, Ourense e no Porriño para informar da resolución.

A Dirección Especial da autoridade laboral -que coordinou as Inspeccións de Traballo das provincias españolas con presenza de Servicarne- contempla ademais a descualificación administrativa da falsa cooperativa. Tamén é moi probábel que sexa sancionada por fraude na contratación, aínda que dende a central auguran un proceso longo que seguramente chegará até o Tribunal Supremo.

A pesar da importancia da actuación da Inspección de Traballo, a maioría dos medios de comunicación galegos, tanto públicos como privados, optaron por non publicar practicamente nada ao respecto, Curiosamente, ao día seguinte da rolda de prensa na que a CIG fixo pública a resolución os principais xornais do país amencían con importantes insercións de publicidade de Coren pero non incluían nin unha soa liña sobre a información achegada pola central. Si o fixeron unha semana despois, cando dirixentes galegos/as de CCOO comparecían diante dos medios para intentar anotarse esta vitoria sindical.

Volver