A CIG avanza na súa posición como primeira forza sindical do país

A central chama a clase traballadora a garantir co seu voto unha representación que defenda, de xeito inquebrantábel, os seus dereitos
Nacional - 23 Set 2019

A catro meses do remate do período concentrado de eleccións sindicais, a CIG avanza na súa posición como primeira forza sindical do país confirmándose así a liña de crecemento que se foi dando en cada proceso electoral. A central chama a reforzar o traballo para que esa posición, ao finalizar o ano, quede definitivamente consolidada e á mobilización da clase traballadora para garantir co seu voto unha representación que defenda, de forma inquebrantábel, os seus dereitos.

O avance da CIG non só se reflicte nos resultados que se veñen obtendo a nivel nacional. En comarcas como Vigo, Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Compostela somos primeira forza con porcentaxes de arredor do 30% ou mesmo superiores. Somos ademais primeira forza en sectores como administración pública, construción, sanidade, industria, ensino ou servizos. 

En comarcas como Vigo, A Coruña, Ferrol, Pontevedra e Compostela a central é primeira forza con porcentaxes do 30% ou superiores

Estes bos resultados veñen reafirmar a crecente confianza dos traballadores e traballadoras galegas no modelo sindical que representa a CIG fronte ao sindicalismo español: un sindicalismo galego, reivindicativo, de base, participativo e afastado do modelo pactista cos poderes que practican outros.

Mobilización social

Faise, xa que logo, imprescindíbel consolidar a representatividade da CIG e reforzar a organización e a base afiliativa. Porque hoxe, nos centros de traballo, só a CIG está en disposición de enfrontar a patronal e, nas rúas, de encabezar a mobilización social.

Unha mobilización que force tanto o próximo Executivo español que se constitúa, como a Xunta do PP, a dar un xiro radical e a derrogar as contrarreformas laborais, os recortes nos servizos públicos, o retroceso nos dereitos e nas liberdades democráticas e a recoñecer o carácter plurinacional do Estado. Cuestións imprescindíbeis para podermos avanzar como clase traballadora e como pobo galego.