A CIG fai un chamamento a participar este sábado 17 de outurbo na manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras en defensa da sanidade pública da bisbarra e contra o desmantelamento do hospital comarcal. A marcha a pé arrincará dende o centro hospitalario do Barco ás 17:30 horas.
Dende a central sindical fan fincapé en que esta mobilización “é unha nova oportunidade reivindicar a sanidade publica de calidade que todas as persoas que vivimos na comarca de Valdeorras merecemos e precisamos”.
Ao mesmo tempo, lembran que se trata dunha loita sostida no tempo á que se suman multitude de asociacións de distintos distritos, partidos políticos e sindicatos co obxectivo de “salvar o noso hospital comarcal” do desmantelamento que está a padecer por parte da Xunta de Galiza. “As vítimas deste proceso somos nós, que sufrimos interminábeis listas de espera e incontábeis viaxes ao hospital de Ourense para consultas que tiñan que se facer aquí”.
Neste senso, cualifican de “inhumano” que haxa que agardar máis de 10 días por unha cita para solicitar unhas “simples receitas” e consideran inconcibíbel que remitan operacións sinxelas a Ourense “porque no noso hospital comarcal non poden asumir ese risco, cando despois se fan este tipo de intervencións nun hospital privado e en peores condicións”.
De igual xeito, advirten de que a falta de profesionais de especialidades como pneumoloxía, traumatoloxía, oncoloxía, pediatría ou cardioloxía “está a condicionar as nosas vidas e a prexudicar o noso benestar”.
Polo que chaman a participar na mobilización que terá lugar no Barco e que arrincará do hospital comarcal ás 17:30 horas en defensa dunha sanidade pública de calidade para a bisbarra de Valdeorras.