A CIG chama a participar nas concentracións de Galiza pola Paz contra as agresións imperialistas e a escalada bélica
A CIG chama a participar nas concentracións que a Plataforma Galiza pola Paz ten convocadas para este xoves, 26 de xuño, nas sete cidades en defensa da paz, e en repulsa á agresión imperialista inxustificada dos EUA sobre Irán que compromete, tamén, o noso futuro. A Plataforma, da que a CIG fai parte, insta a mobilizar esforzos pola resolución diplomática do conflito, evitando a escalada bélica, exixe a paralización do incremento do gasto militar e que o respecto ao dereito internacional "que garanta a paz en base ao dereito dos pobos ao exercicio da súa soberanía sen inxerencias".
A seguir reproducimos o comunicado de Galiza pola Paz:
Diante da gravidade dos recentes ataques dos Estados Unidos contra o Irán, da Plataforma Galiza pola Paz queremos subliñar os seguintes aspectos:
- Os ataques estadounidenses constitúen unha agresión imperialista e unha provocación que abre a porta a unha escalada bélica de proporcións difíciles de medir e máis un paso na renuncia á diplomacia e á negociación en favor do uso da forza.
- Estes ataques foron realizados respondendo principalmente aos intereses dos Estados Unidos e de Israel e do resto de potencias occidentais, sen contar nin sequera consultar coas Nacións Unidas, e sen que mediase agresión previa por parte de Irán que, antes ao contrario, viña de recibir os ataques previos do estado sionista de Israel que iniciaron esta escalada.
- Este tipo de agresións inciden de novo na impunidade que a autoproclamada comunidade internacional garante. Ninguén está a exixir responsabilidades aos Estados Unidos e a Israel. A Unión Europea limítase a pedir contención a Irán en relación á súa posíbel resposta, pero non o fixo cando os Estados Unidos ameazaron con lanzar estes ataques.
- Este novo paso cara a unha guerra rexional dáse no marco do xenocidio palestino e das sucesivas agresións ao Líbano, ao Iemen ou á Siria por parte de Israel.
- Estes ataques tamén se dan no contexto do mal chamado “rearme” das potencias occidentais onde a UE pretende mobilizar 800mil millóns de euros seguindo á doutrina exterior norteamericana e da OTAN que, como se comproba ao longo da historia, é netamente agresiva.
Exiximos do goberno do Estado español e do goberno galego a condena desta agresión dos Estados Unidos a Irán e que mobilicen esforzos pola resolución diplomática do conflito, evitando a escalada bélica.
Especificamente, no caso do Estado, exiximos a paralización de todo incremento do gasto militar, a denegación do espazo aéreo e das bases militares ao servizo da OTAN para calquera tipo de colaboración con esta agresión e a inmediata retirada da fragata Méndez Núñez, con base no arsenal militar de Ferrol e que neste momento participa nun grupo de combate con buques británicos e norteamericanos na zona.
Débese exixir o respecto ao dereito internacional que garanta a paz en base ao dereito dos pobos ao exercicio da súa soberanía sen inxerencias, na Asia Occidental e en calquera outra parte do mundo.
Por todo isto chamamos ao pobo galego a se mobilizar o vindeiro xoves 26 nas sete cidades galegas pola paz e en repulsa desta agresión inxustificada que compromete, tamén, o noso futuro.
Non á guerra, Galiza pola Paz.
Horas e lugares das concentracións
- A Coruña: 20h Delegación do Goberno
- Compostela: 20:30h Praza do Toural
- Ferrol: 20h Praza do Himno
- Lugo: 20h Subdelegación do Goberno
- Ourense: 20h Subdelegación do Goberno
- Pontevedra: 20h Confluencia da rúa Andrés Muruais con rúa da Peregrina
- Vigo: 20h30 Farola de Urzáiz