A CIG chama a participar nas protestas para esixir solucións inmediatas para persoas e bens afectados polos lumes

O secretario xeral, Paulo Carril, participará na mobilización diante do Concello de Verín ás 20:00 horas
Nacional - 21 Ago 2025

A CIG fai un chamamento a participar nas protestas convocadas hoxe por todo o país pola plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ para esixir a dotación dunha partida económica urxente que permita aplicar solucións inmediatas para as persoas e os bens afectados pola vaga de incendios. O secretario xeral da central, que participará na concentración de Verín, fai fincapé en que as mobilizacións teñen que servir como expresión de solidariedade do pobo galego con quen padece os danos e con quen loita contra o lume, “mais tamén para forzar un cambio nas políticas forestais que evite que algo así volva suceder”.

Paulo Carril denuncia que os incendios que ano tras ano afectan o noso país son consecuencia directa do “polvorín” no que se ten convertido o monte galego pola política do PP de “entrega” do rural a “intereses especulativos” que provocan a destrución das actividades económicas produtivas que favorecen o asentamento da poboación nestas zonas. Unha poboación rural que -lembra- se atopa “totalmente abandonada” polas administracións públicas.

Ao mesmo tempo, urxe un plan de choque con accións inmediatas nos terreos queimados para evitar a erosión dos solos e procurar o antes posíbel a súa restauración, así como impedir a chegada de cinzas e outros contaminantes aos ríos e ás rías.

E demanda a creación dun único servizo público, de xestión directa e dependente da Xunta, composto por profesionais adecuadamente formados en prevención, extinción de incendios e outras emerxencias que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano.

Finalmente, adianta que a CIG esixirá a depuración de responsabilidades “a todos os niveis” polo que está a acontecer, comezando polas administracións públicas e insiste en que as protestas de hoxe e as que se poidan convocar nos vindeiros días teñen que servir tamén para forzar un cambio nas políticas forestais que evite novas vagas de lume no futuro.

LUGARES E HORAS DAS MOBILIZACIÓNS

-A Cañiza, 20h, diante do Concello.

-A Coruña, 20h, Obelisco.

-Allariz, 20h, Campo da Barreira.

-Betanzos, 20h, Praza da Constitución.

-Cangas, 20:30h, diante do Concello.

-Carballo, 20h, Praza do Concello.

-Celanova, 20h, Praza Maior.

-Compostela, 20h Praza Roxa.

-Ferrol, 20h, Edificio da Xunta.

-Lalín, 20:30h, Praza da Igrexa.

-Lugo, 20h, Edificio da Xunta.

-Melide, 20h, Praza do Convento.

-Monforte, 20:30h, Praza de España.

-Monterroso, 20h, diante do Concello.

-Noia, 20h, diante do Concello.

-O Porriño, 20h, distrito forestal (Multiusos de Torneiros).

-Ourense, 20h, Praza Maior.

-Padrón, 20h, diante do Concello.

-Ponteareas, 20h, diante do Concello.

-Ponte Caldelas, 20h, Alameda.

-Pontevedra, 20h, Praza da Peregrina.

-Ribadeo, 20h, diante do Concello.

-Ribeira, 20h, Praza do Concello.

-Verín, 20h, Praza do Concello.

-Vigo, 20h, Farol de Urzaiz.

-Vilagarcía, 20h, diante do Concello.

-Vilalba, 20:30h, Praza da Constitución.

-Viveiro, 20h, diante do Concello.