A CIG concentrarase nos xulgados de Ortigueira pola persecución a dous sindicalistas

O alcalde de Cedeira denunciounos polas críticas á súa falta de implicación no conflito da recollida do lixo
Cedeira - 05 Mai 2025

A CIG ten convocada unha concentración para o xoves 8 de maio, ás 11:30h, diante dos xulgados de Ortigueira en protesta pola denuncia interposta polo alcalde de Cedeira contra o delegado de persoal do servizo de recollida de lixo, Daniel Pita, e o sindicalista da central, Xabier Rodríguez

A federación de Servizos de Ferrol cualifica de “ridícula acción legal” a denuncia interposta por Pablo Diego Moreda Gil contra estes dous compañeiros “polo simple feito de ter criticado a súa falta de implicación na resolución do conflito laboral no servizo de RSU do Concello que preside”.

O secretario comarcal da CIG-Servizos, Francisco Cartelle, explica que os o persoal da recollida de lixo e a limpeza de viaria, farto de levar máis dunha década co salario conxelado pola falta duns pregos que actualicen as súas condicións laborais e salariais, decidiu iniciar accións para rematar con esta situación.  Con este obxectivo, “a CIG levou adiante diversas xuntanzas coa alcaldía, tratando de desbloquear a publicación dos pregos, asunto que a día de hoxe segue sen se solucionar, tomando finalmente a decisión de convocar unha concentración o día 14 de agosto do ano pasado para dar visibilidade ao problema ante a cidadanía”, apunta Cartelle.

Xa con anterioridade,  o 18 de xullo do ano 2023, o alcalde en persoa  comprometérase a remitir á representación do persoal unha copia do borrador dos pregos, “que, segundo asegurou, estaba a piques de saír publicado no prazo de quince días”. Evidentemente, critica o responsábel comarcal da CIG-Servizos, “faltou á verdade, pois a día de hoxe a situación segue a ser a mesma: nada se sabe dos mencionados pregos”. Pero “mentres o alcalde semella non ter tempo para sacar adiante os tan necesario concurso público, sóbralle tempo para presentar demandas penais  contra quen o critican por non facer o seu traballo coa dilixencia que se lle supón”.

Pretender que un cargo público non poda ser criticado pola súa acción política, ou neste caso inacción política, “non é propio dun representante político que debe estar sometido á crítica cidadá, e menos dun que leva a palabra socialista na nomenclatura da súa organización política”.

Á CIG non se vai arredar por este tipo de actuacións e “seguiremos criticando aquelas actuacións inxustas e contrarias aos intereses dos traballadores e das traballadoras, por moito que pretendan  entorpecer a nosa acción sindical con demandas absurdas que lonxe de descualificar a nosa actuación sindical retratan a quen as emprende”.