A CIG consegue a totalidade do comité de Indra Software Labs na Coruña

A central pasou de non contar con representación a obter os/as 13 delegados/as que se escollían
A Coruña - 19 Xan 2018

A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas recentemente en Indra Software Labs na Coruña, pasando de non contar con representación nesta empresa a conseguir a totalidade do comité (integrado por 13 membros). A lista da CIG foi a única que se presentou ao proceso electoral xa que nin UGT nin CCOO (que até entón ostentaba a maioría do comité) lograron montar candidatura.

A este respecto, para a CIG este resultado é a resposta dos traballadores e das traballadoras ás centrais sindicais estatais CCOO e UGT por ter asinado o peor convenio TIC da historia, que consolida a perda dun 10% do poder adquisitivo xerado nos últimos 7 anos, aumenta o período de proba e dificulta o cambio de grupo laboral. Este pésimo acordo reforza a necesidade de apostar por un convenio galego para as empresas TIC que teña en conta a situación real do sector e poña en valor a importancia do capital humano.

Comprimiso coa defensa dos dereitos

Os delegados e delegadas electas agradecen a confianza depositada polos compañeiros e compañeiras de Indra Software Labs na candidatura da CIG e reafirman o seu compromiso na defensa dos dereitos de todo o persoal e na loita por acadar unhas condicións de traballo dignas.

Entre outras cuestións, o comité márcase como obxectivo para os próximos anos pelexar pola regulación das categorías profesionais e roles, promocións e franxas salariais; regular a dispoñibilidade, as gardas, quendas ou cambios de horarios; mellorar a xornada laboral; avanzar en materia de formación, conciliación, prevención de riscos, calendarios, dietas, etc.; e mellorar as carencias e problemas da tarxeta-comedor.

Primeira forza sindical no sector

O éxito na eleccións en Indra Sotware Labs (do grupo Indra, a principal empresa de consultoría e tecnoloxía no Estado español) súmase aos bos resultados obtidos pola CIG no sector das TIC nos últimos catro anos, no que a central nacionalista pasou de ter escasa presenza a ser a primeira forza sindical.