A CIG considera inaceptábel a proposta da patronal de Seguridade Privada

Entende que a única resposta que merece “é a de conflito”
Nacional - 12 Set 2022

O pasado venres reuníase de novoa  mesa de negociación do convenio estatal de Seguridade Privada. Unha xuntanza na que a patronal -tanto APROSER como ASECOPS- propuxeron un convenio cunha vixencia longa (3 ou 4 anos). Ademais APROSER, manifestou o interese en negociar unha fórmula para incrementar a produtividade e negociar a antigüidade, o absentismo, a transformación do transporte de fondos e propuxo un incremento salarial dun 9% progresivo en 3 anos (2023 2,5%, 2024 3% e 2025 3,5%). A CIG xa transmitiu que esta proposta “é inaceptable” e que a única resposta que merece é a de “conflito”.

Segundo explica o representante da CIG na mesa e membro da Executiva de CIG-Servizos, Pedro Pérez, os sindicatos estatais UGT, CCOO e USO, trasladaron o seu rexeitamento á proposta empresarial e advertiron de que este escenario só os leva a un camiño do chamamento para contestar na rúa. “Presentaron a súa plataforma conxunta que contempla unha vixencia de 4 anos, incrementos salariais (2023 8% , 2024 4%, 2025 2% e 2026 2%), e cláusula de revisión que garanta o IPC real para cada un dos anos de vixencia”.

Ademais Pérez afirma que “presentaron unhas propostas que sorprendentemente coinciden coas que a CIG presentou nas pasadas plataformas e na presentada hoxe”. Trátase dunha proposta consensuada polos tres sindicatos que piden á patronal que reflexione sobre ela xa que se esta mantén a súa “pouco máis habería que falar”.

Incrementos claramente insuficientes

Pérez convida a facer memoria e lembrar que os incrementos do convenio para 2021 foron do 1% en táboas; convenio 2022 2% co IPC 2021; 6,5%, pero o IPC de agosto 2022 foi do10,4,%. Isto implicaría unha perda aproximada do poder adquisitivo neste dous anos do 14,9% aproximado, xa que o IPC do 2022 non está pechado. Por iso pediu que “deixen de marear” e advertiu que “ou temos un convenio digno, ou senón conflito, porque as melloras non se regalan, conquístanse coa loita e agora é o momento”.

Pedro Pérez advirte que a situación socioeconómica “non pode ser a desculpa para querer negociar outro convenio similar aos anteriores”. Lembra que a CIG xa amosou a súa desconformidade con esta proposta, que tan só “serve para que as empresas manteñan as súas marxes de beneficio a custo dos traballadores e traballadoras”. Por iso demandou “afrontar a precariedade con medidas máis amplas e de maior calado”.

Combater a precariedade no sector

Recoñece que a plataforma presentada pola central sindical é ambiciosa, pero afirma que “é real e necesaria”. Nese sentido, explica que se basea en tres piares fundamentais: a recuperación económica, tendo e conta a inflación, avance no social e en dereitos e a dignificación do sector e os seus profesionais.

Entende que é o momento da equiparación á alza do plus de perigosidade, xa que isto supón unha grave discriminación, que se debe corrixir. A ese respecto apunta que “o sector da seguridade ten un grave problema coa conciliación da vida laboral e familiar, xa que unha grande parte da xornada se fai en horario nocturno e en fins de semana e festivos, o que non se ve compensado economicamente, polo que se debe corrixir, tomando como referencia outros sectores”.

Outra das prioridades é a diminución da xornada anual e a recuperación daqueles conceptos que se viron minorados en negociacións anteriores. Igualmente, considera que se debe pensar nunha saída digna ao persoal con idade avanzada, así como facer atractivo o sector para a incorporación de novos profesionais. Por isto, as principais propostas nas que se sustenta a plataforma defendida pola CIG son:

  • Vixencia: 2 anos con cláusula de ultraactividade con revisión salarial
  • Incremento de porcentaxes na estabilidade do emprego con cómputos provinciais para unha maior fiscalización e control no seu cumprimento.
  • Nova redacción do artigo 25 recoñecemento médico.
  • Ampliación do artigo 26 para dar maior cobertura aos traballadores especialmente sensibles.
  • Promoción automática dos niveis funcionais de oficiais.
  • Nova redacción no artigo 36 de mobilidade funcional e 37 escalafones, ascensos e provisión de vacantes.
  • Creación de novos plus como: Desa, Utilización de vehículo e Idiomas, para adaptarse á nova realidade, esixíndose unha maior profesionalización e formación, tendo isto que ser compensado.
  • Complemento de antigüidade revalorizábel.
  • Equiparación á alza do plus de perigosidade dos Vixiantes de seguridade de Vixilancia na vixencia deste convenio.
  • Plus de traballo nocturno e plus de fin de semana e festivos, do 25% do valor de hora ordinaria sobre o salario basee por 15 pagas, respectivamente. O plus de fin de semana e festivos amplíase aos grupos funcionais de Persoal Operativo B) Non habilitados, Persoal Mecánica-electrónica, Oficios varios e Subalterno.
  • Nova redacción e contía dos Pluses de Nadal, fin de Ano e Aninovo.
  • Recuperación en quince pagas dos Pluses de Vestiarios e Transporte.
  • Incremento salarial do 4,5% en cada un dos anos de vixencia en todos os conceptos salariais, salvo os expresados especificamente na proposta entregada. Naquelas categorías que o salario basee sexa inferior ao SMI, terase que respectar este como salario base. Cláusula de revisión salarial del IPC en de que este fose superior al incremento pactado para cada uno de los años, con efecto retroactivo a 1 de xaneiro.
  • Incrementar contías nas coberturas da Póliza de responsabilidade Civil e axudas a fillos e cónxuxe discapacitados.
  • Complemento do 100% en calquera dos supostos de IT.
  • Redución da xornada a 1.760 horas anuais, a razón de 160 mensuais con nova redacción.
  • Co ánimo de reducir a realización de horas extras no sector, estas terán unha recarga do 75% cando se realicen de luns a venres, e do 150% a realizadas en fin de semana, festivos e en período nocturno.
  • Ampliación de licenzas, por hospitalización, enfermidade grave ou intervención cirúrxica. 3 días de asuntos propios remunerados. Licenza para acompañamento de fillos menores de 12 anos a consultorio médico, e para acompañamento de cónxuxe a exames prenatais e técnicas de preparación do parto, 1 día por falecemento de familiares de 3º grado.
  • Modificación redacción artigo 58 Lugar de Traballo.
  • Melloras económicas nos desprazamentos e nos importes das dietas.
  • Melloras nos traslados
  • Reserva do posto de traballo de dous anos nas excedencias voluntarias.
  • Compromiso da negociación dun Convenio Galego.

En conxunto, o incremento que propón a CIG achégase o 24%, “ambiciosos pero necesarios”, di Pérez quen se compromete a manter a coherencia e seguir defendendo este sector con propostas de avance e de mellora das condicións laborais.

A xuntanza rematou sen unha nova data de reunión, “agardando que a patronal recapacite e presente outra oferta máis acaída”, pero Pérez xa albisca a necesidade de “loitar, saír á rúa, paralizar este sector e defender os nosos dereitos”.