A CIG considera un “desprezo ás traballadoras” o acordo entre o Concello de Ponteareas e a concesionaria do SAF

O persoal de Óbolo, en folga indefinida dende o pasado venres, insiste en reclamar que se lle poña fin aos graves incumprimentos da empresa
Ponteareas - 30 Set 2025

A CIG considera que o acordo anunciado onte entre o Concello de Ponteareas e a concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é un “desprezo ás traballadoras” e acusa o Goberno local de tratalas con “total indiferenza” ao non escoitalas e ao negociar coa empresa ás súas costas. O persoal de Óbolo, en folga indefinida dende o pasado venres día 26 e que desenvolve mobilizacións diarias diante do consistorio, insiste en reclamar que se lle poña fin aos graves incumprimentos laborais e lembran que coa súa loita non perseguen melloras económicas senón o rescate do servizo polo Concello.

Dende a central sindical lamentan que os responsábeis municipais non accedesen a sentarse coas persoas que levan 15 anos prestando este servizo “para buscar unha solución aos graves incumprimentos, pero agora pretenden dar por rematado o conflito cun acordo que sabemos que é imposíbel de cumprir”.

Sinalan que o departamento de Servizos Sociais ten constancia do funcionamento irregular da empresa dende que se fixo cargo do SAF, xa que “incumpre os termos do contrato en canto á organización do servizo e amosa un total desleixo nas súas obrigas, até o punto de que o equipo de coordinación estivo máis de 15 días sen teléfono e internet, tendo que conectarse dende unha cafetería ( mesmo tempo que as auxiliares non contaron con roupa de traballo)”.

Ademais, estase a vulnerar a normativa laboral e da Seguridade Social, sendo responsábel subsidiario o propio Concello: non cotiza os salarios completos; non paga as nóminas en tempo e forma (até o punto de que algunha traballadora aínda non cobrou a do mes de agosto); carece dun sistema de rexistro de xornada; demora máis de 15 días en dar de alta ao persoal eventual ou que se incorpora de baixa de longa duración; non ten constituído o comité de saúde laboral; queda sen material necesario para o traballo e atrasa pagos a provedores; non abona (ou faino mal) os actuais complementos e as horas extraordinarias; e non respecta os descansos mínimos semanais e diarios do persoal.

Todo isto levou as traballadoras a comezar a folga indefinida e as mobilizacións para demandar o rescate do servizo por parte do Concello. “Con este conflito non reclaman melloras económicas porque saben certo que non son posíbeis no marco do actual contrato”, aclaran.