A CIG consolida a maioría absoluta no comité de Celsa Atlantic

A central obtivo seis dos nove delegados/as que se elixían
A Laracha - 25 Nov 2020

A CIG vén de consolidar a maioría absoluta no comité de Celsa Atlantic ao lograr seis dos nove representantes nas eleccións que se celebraron este martes na fábrica da Laracha. Por colexios, a CIG obtivo cinco delegados/as no de Especialistas mentres que a lista de CCOO sacou dous; e no colexio de Técnicos/as, tanto a candidatura da CIG como a de CCOO lograron un representante cada unha.

Este resultado, sumado ao resultado das eleccións en Ferroatlántica de Sabón, XEAL e Alcoa San Cibrao, consolidan a CIG como sindicato maioritario (e máis representativo) no sector das industrias electrointensivas, e avala a acción sindical desenvolvida nestes últimos catro anos, marcados pola aguda crise no sector e as ameazas continuadas aos empregos e a actividade produtiva a conta do prezo da enerxía.

Unha problemática á que a CIG foi a primeira en ofrecer unha resposta, promovendo unha ILP para unha tarifa eléctrica galega (que o PP baleirou de contido na súa tramitación) e elaborando unha proposta de tarifa industrial máis xusta, estábel e predicíbel, en atención a condición de Galiza como produtora e excedentaria de enerxía. E ao mesmo tempo, levando a iniciativa sindical na convocatoria de mobilizacións conxuntas do sector electrointensivo en demanda de medidas e solucións.