A CIG continúa coas protestas en Barreras para esixir unha solución á crise do estaleiro

Traballadores/as e delegados/as desenvolveron unha concentración nas instalacións de Beiramar
Vigo - 26 Nov 2019

A federación de Industria da CIG de Vigo continuou hoxe co seu calendario de mobilizacións para reclamar unha solución á crise de Barreras que permita o mantemento da actividade industrial e de todos os postos de traballo. Traballadores/as e delegados/as desenvolveron unha concentración ás portas do estaleiro na avenida Beiramar na que demandaron tamén a implicación da Xunta de Galiza.

A protesta coincidiu co anuncio feito pola dirección da empresa de construción naval de que solicitará a disolución da compañía no Xulgado, decisión acordada polo consello de administración teoricamente para protexer o futuro do estaleiro mentres segue a negociar unha posíbel saída á súa grave crise. Dende a CIG continúan a demandar que a Xunta tome o control público de Barreras unha vez fracasada a xestión privada.