A CIG continúa no Mercadona de Noia as mobilizacións en resposta ao acoso laboral e á represión sindical
A CIG concentrouse na mañá deste venres diante do Mercadona de Noia en resposta ao acoso laboral e ás represións exercidas pola empresa, con especial inquina sobre as e os representantes sindicais da CIG, e na defensa dos dereitos laborais do conxunto do persoal.
A representación da CIG explica que estas prácticas forman parte da política de Mercadona de castigo ás persoas traballadoras que se atreven a reclamar os seus dereitos, que solicitan reducións de xornada para poder conciliar, que utilizan os permisos aos que teñen dereito ou que se atopan de baixa por enfermidade.
En concreto na tenda de Noia, a sección sindical denuncia as faltas de respecto, as intimidacións e as ameazas que reciben as delegadas e delegados e as persoas traballadoras afíns á central sindical. “Suspéndenlles a avaliación anual e retíraselle a paga anual de beneficios as traballadoras e traballadores que exercen os seus dereitos sindicais e de conciliación e ás persoas máis veteranas que se atopan en situación de baixa por incapacidade temporal”, critican.
Esta política que a empresa aplica en todos os centros de traballo atenta contra os dereitos do persoal, pero ademais” xera un ambiente de traballo hostil e temeroso e constitúe unha falta de respecto pola nosa dignidade como persoas traballadoras”.
Diante disto, a representación da CIG advirte que non vai calar e continuará coas mobilizacións “para denunciar esta situación e loitar polos nosos dereitos e para exixir un trato digno e respectuoso para todo o persoal”.