A CIG convoca catro días de folga nas residencias de maiores e nos SAF

Reclama o desbloqueo das negociacións dos convenios para dignificar as condicións laborais e esixe un protocolo que garanta a seguridade do persoal
Nacional - 02 Set 2025

A CIG-Servizos anunciou hoxe a convocatoria de catro xornadas de folga os vindeiros días 10, 11, 24 e 25 de setembro no sector de coidados para reclamar unhas condicións de traballo dignas nas residencias de maiores privadas e centros de día e nos Servizos de Axuda no Fogar (SAF). Dende a central sindical denuncian o bloqueo das negociacións dos convenios colectivos e esixen un protocolo que garanta a saúde e a seguridade do persoal.

Deste xeito as traballadoras dos SAF únense á loita que dende hai meses desenvolven as empregadas das residencias e dos centros de día para denunciar a precariedade que padecen e reclamar melloras laborais. A decisión foi adoptada tras a convocatoria de folga do pasado 13 de agosto en reposta ao asasinato dunha compañeira do SAF do Concello do Porriño a mans da parella dunha persoa usuaria do servizo.

“Os dous convenios están totalmente paralizados, cunhas patronais que rexeitan calquera medida que poida dignificar as condicións de traballo nun sector esencial como o de coidados, no que se debera antepoñer o benestar das persoas ao lucro empresarial”, tal e como denunciaron esta mañá en rolda de prensa Pedro Pérez e Adolfo Naya, da CIG-Servizos. Dende a central sindical demandan que no sector privado se apliquen as mesmas condicións e salarios que existen no público “e que se abandone este modelo rancio, usureiro e de amiguismo co que se lle sacan os cartos ás persoas maiores e dependentes, co único fin de enriquecerse a costa das persoas usuarias e das traballadoras”.

Neste senso, lembran que se tratan dos convenios máis baixos do país: os soldos nas residencias e centros de día -co convenio caducado dende 2023- non chegan ao SMI, mentres que nos SAF -cuxo convenio expirou en 2012- ingresan arredor do salario mínimo. “Ademais o persoal soporta unha excesiva carga de traballo e unha absoluta falta de medidas de seguridade e de saúde laboral, rexistrándose unha alta incidencia de situacións de risco e de afeccións músculo esqueléticas, tanto nos SAF como nas residencias, sobre todo dende que estas se utilizan como hospitais psiquiátricos sen que o persoal conte cos medios nin coa formación necesaria”.  

Fronte a isto a CIG aposta por un sistema público de coidados que garanta unha prestación de servizos de calidade, tanto dos domicilios como nos centros asistenciais ou residenciais. “Pero mentres isto non aconteza o persoal do sector ten que ter unhas condicións dignas e un salario xusto”. Un sector no que emprega arredor de 26.000 persoas en toda Galiza (unhas 14.000 nas residencias e centros de día e unhas 12.000 nos SAF) e no que operan sobre 160 empresas (arredor de 70 nas residencias e unhas 100 nos SAF).

Intervención de Política Social

Aproveitando as xornadas de folga as afectadas desenvolverán mobilizacións para demandar a intervención da Consellaría de Política Social e dos Concellos, “que amosan a súa falta de sensibilidade, humanidade e responsabilidade negándose a negociar un protocolo ante situacións de violencia como a acontecida recentemente no Porriño”. A primeira delas terá lugar o mesmo día 10 cunha concentración diante do Parlamento galego a partir das 10:00 horas.

Deste xeito preténdese visibilizar un conflito “laboral e social” fronte os “abusivos servizos mínimos” que as administracións adoitan decretar, até o punto de que nas folgas anteriores algunhas residencias contaron durante a xornada de folga con máis persoal que nun día normal, tal e como criticaron as propias traballadoras.

Pola súa banda, as traballadoras de residencias e dos SAF presentes na rolda de prensa fixeron fincapé na necesidade de que se cumpran os ratios de persoal e criticaron a inacción da Inspección de Traballo ante as denuncias. “É un sector esencial que precisa de máis xente e de máis medios para poder ofrecer unha atención de calidade”. Finalmente, lamentaron que sempre se diga que as persoas usuarias teñen dereito a unha asistencia digna en base á Lei de Dependencia “pero ninguén se acorde dos nosos dereitos nin se respecte a lexislación laboral”.