A CIG convoca folga en GKN para rexeitar os 50 despidos previstos pola empresa en Vigo

Malia que a compañía rebaixou a afectación inicial do ERE en 12 persoas, a central oponse a calquera rescisión de contrato que non sexa voluntaria
Vigo - 10 Feb 2026

A CIG anunciou hoxe a convocatoria de sete xornadas de folga en GKN Driveline para rexeitar os 50 despidos previstos pola empresa do sector da automoción con sede en Vigo. Malia que a compañía baixou a afectación inicial do ERE en 12 persoas, a central oponse a calquera rescisión de contrato que non sexa mediante prexubilación ou baixa voluntaria.

Dende a CIG lembran que no anterior pleno do comité de empresa a representación da central aceptou a proposta da maioría de adiar a convocatoria de folga coa premisa de que fora na segunda xuntanza da comisión negociadora do ERE “na que puxeran enriba da mesa propostas concretas cunha condición: ningunha persoa pode ser despedida sen o seu prace, sexa por baixa voluntaria ou por prexubilación”. 

Ningunha persoa pode ser despedida sen o seu prace, sexa por baixa voluntaria ou por prexubilación

Mais na reunión da comisión celebrada esta a parte social non tivo máis resposata da empresa “que o trasladado na información económica do pasado venres”. En concreto, a redución do persoal afectado polo ERE de 72 a 50 persoas, rebaixa que se produce ao aplicar no cálculo do persoal que sobraría o mecanismo de flexibilidade actual (máximo de 10 días por persoa traballadora ao ano).

Tamén que as saídas voluntarias teñen que ser condicionadas ao posto, áreas, departamentos e quenda da persoa traballadora. Que a mobilidade xeográfica só é posíbel a unha planta en Europa do leste. E a internalización de actividades nunha medida moi pequena.

Por parte da CIG trasladóuselle á empresa (en nome da representación sindical, que non achegou ningunha proposta máis) que as baixas voluntarias deben ser co mesmo procedemento que en GKN Zumaia e nas mesmas condicións que na planta de Vigo. E que teñen que ampliar o proceso até o 31 de decembro de 2027 para chegar ao máximo de persoas traballadoras que aínda non cumpren o requisito de ter 59 anos.

Garantía de carga de traballo

Tamén se demanda unha garantía de carga de traballo futura, unha redución da xornada en 24 horas (3 días) para ter unha xornada anual de 219 días, do mesmo xeito que outras compañías do sector, o que suporía un excedente de 10 persoas necesarias e que rebaixaría o número de afectadas.

“A ningunha destas propostas tivemos unha resposta concreta e que fose reflexada na acta para tranquilidade de todo o cadro de persoal. Mentres o tempo vai pasando e xa estamos a día 10, malia o que a resposta da maioría do comité de empresa é agardar á seguinte reunión”.

En consecuencia, a CIG non vai permitir que os prazos se agoten, polo que recollendo sentir maioritario do cadro de persoal optou por convocar folga dende o vindeiro luns 16 até o domingo 22 de febreiro. “Se a empresa quere que non vaiamos á porta ten que comprometerse xa a que ninguén vai marchar de GKN despedido pola forza”, advirten.