A CIG convoca folga na provincia da Coruña contra o "ERE encuberto" que Inditex está a aplicar nas tendas

O paro do luns 31 de maio afecta ás marcas Oysho, Massimo Dutti, Zara Home e Pull&Bear
A Coruña - 28 Mai 2021

A CIG ten convocada unha xornada de folga para o vindeiro luns, 31 de maio, nas tendas Oysho, Massimo Dutti, Zara Home e Pull&Bear da provincia da Coruña en rexeitamento ao 'ERE encuberto' que Inditex está a levar adiante ao abeiro do proceso dixitalización das vendas. Con tal motivo, as traballadoras e traballadores concentraranse o luns, ás 12:00 horas, na Praza de Lugo da Coruña, onde o grupo téxtil ten varias tendas das marcas afectadas pola xornada de folga.

Este conflito haino que enmarcar no proceso iniciado pola multinacional a primeiros de ano e que en Galiza suporá o cerre de 24 establecementos, dos que até o momento se materializaron 12. Porén, estes peches non van acompañado dun proceso de recolocacións para as traballadoras e traballadores afectados, con garantías de mantemento dos empregos e das condicións laborais e salariais.

De feito, as vacantes que ofrece a empresa son insuficientes para o número de persoas afectadas e ademais, a maioría das prazas "non teñen un mínimo de calidade. A alternativa que teñen as traballadoras é acollerse a unha praza en peores condicións, algunhas con xornadas semanais ridículas ou con horarios que lle impiden conciliar, polo que ao final se ven obrigadas a marchar cunha indemnización mínima", denuncia o responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez.  

Criterios arbitrarios, inxustos e incertos

Para a CIG-Servizos estamos ante un ERE encuberto, que Inditex executa de maneira escalonada e aplicando criterios de reparto de prazas arbitrarios, inxustos e que mudan a cada pouco, en base ao acordo que pactou con CCOO e UGT en Madrid. "A consecuencia deste pésimo acordo é que as traballadoras das tendas que pechan antes teñen máis opcións de coller unha praza en mellores condicións que as das tendas que pechan máis tarde, con independencia da súa antigüidade ou da xornada que tiveran previamente", apunta.

Fronte a isto, a CIG vén reclamando de Inditex abra unha mesa de negociación en Galiza para abordar un acordo que contemple garantías reais para manter os empregos, os dereitos e os salarios.

Neste senso, Pérez subliña que as traballadoras se senten totalmente desamparadas, xa que a empresa "as considera as últimas da cadea, malia ser as que dan a cara diante da clientela. E cando toca reestruturar o negocio, Inditex nin conta con elas nin as quere reciclar".

Precarización das condicións de traballo

A CIG-Servizos critica que Inditex estea destruíndo emprego nas tendas e pretenda precarizar as condicións deste persoal escudándose no cambio de modelo de negocio, cando o a pasado ano obtivo máis de 1000 millóns de euros en beneficios e cando podería reciclar e recolocar a todo este persoal, xa que se están creando novos postos para atender a venda electrónica.

Porén, Inditex en vez de estabilizar o emprego e ofrecer condicións dignas, afonda na súa política de subcontratación salvaxe xa que está externalizando todo os postos de traballo dos almacéns dixitais e dos procesos de reparto online.