A CIG convoca manifestación pola readmisión do seu delegado e unha solución industrial para Barreras
A CIG ten convocada unha nova manifestación para o próximo mércores, 22 de decembro, ás 11 horas, dende o estaleiro de Barreras até a delegación da Xunta na cidade para rexeitar a represión sindical e esixir a readmisión do seu delegado no comité de empresa, Rafa Pérez. O compañeiro foi despedido de maneira inxusta e ilegal por parte da dirección despois dunha acción simbólica realizada pola CIG nas instalacións para reclamar carga de traballo e unha solución á grave crise que atravesa o estaleiro.
Para o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, o despedimento de Rafa “é unha clara represalia en contra da CIG pola nosa posición firme esixindo unha solución industrial que garanta o futuro dun estaleiro imprescindíbel para o sector naval de Vigo". Denuncia que a actual dirección é responsábel, pola súa nefasta xestión, da situación límite que enfronta Barreras baixo o risco real da súa liquidación.
"O que non perdoa a dirección de Barreras é que a CIG non sexamos cómplices da súa desfeita, como desgrazadamente o é a maioría sindical do comité en mans de UGT. Non toleran que como sindicato defendamos con firmeza o mantemento do emprego e o futuro industrial do estaleiro", valora Gonçalves.
A este respecto, entende que co despedimento de Rafa a dirección buscaba impoñer o medo entre o persoal, "mais non o conseguiron. Moi ao contrario, agora teñen en fronte a primeira forza sindical en Vigo e en Galiza, que é a CIG.". E avanza que "non imos parar até lograr a readmisión de Rafa nin até conseguirmos unha solución de futuro para Barreras que pasa, si ou si, pola intervención pública".