A CIG convoca mobilizacións no comercio de alimentación da Coruña polo bloqueo patronal á negociación do convenio

Este sábado, 2 de maio, diante de supermercados Gadis e Froiz da cidade herculina, Compostela e Ferrol
A Coruña - 29 Abr 2026

A CIG ten convocada unha xornada de protestas para o sábado 2 de maio en rexeitamento ao bloqueo patronal á negociación do convenio do comercio de alimentación da provincia da Coruña. As mobilizacións realizaranse diante de supermercados Gadis e Froiz xa que son as dúas principais empresas por número de persoas traballadoras reguladas por este convenio e as que controlan a patronal.

HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS:

  • A Coruña: ás 12h, manifestación dende o Gadis de Catro Camiños ao Froiz da Avda, de Oza.
  • Ferrol: ás 11h, no Gadis da Avenida de Esteiro e ás 12:15h no Hiper Froiz de Narón.
  • Santiago de Compostela: ás 10h no Gadis das Galanas, ás 11h no Gadis de Bertamiráns, ás 12h, no Gadis da rúa Doutor Teixeiro e ás 13h no Froiz do Toural.

Con estas mobilizacións, a CIG quere rexeitar a total paralización da negociación do convenio, xa que despois de catro reunións “a patronal nin sequera presentou unha proposta salarial”, malia que as empresas do sector están batendo récords de beneficios e levan anos incrementando as súas ganancias.

A parte social (que presentou unha plataforma de convenio unitaria) reivindica incrementos salariais dignos, a redución da xornada laboral máxima, horarios e calendarios que faciliten a conciliación con libranzas nas fins de semana, e que se recoñeza un complemento de antigüidade como xa existe no convenio provincial de Pontevedra.

Esta xornada constitúe o inicio dunha campaña de mobilizacións que incluirá a convocatoria de folga, se Gadis e Froiz continúan bloqueando a negociación.