A CIG convoca unha protesta polo deterioro “constante e inadmisíbel” da atención sanitaria en Valdeorras

Chama a veciñanza a participar na concentración que terá lugar este xoves 15 no hospital comarcal ás 20:00 horas
Valdeorras - 12 Mai 2025

A CIG vén de anunciar a convocatoria dunha mobilización en resposta ao deterioro “constante e inadmisíbel” dos servizos para a atención sanitaria no distrito sanitario de Valdeorras. Dende a central sindical chaman a veciñanza a participar na concentración que terá lugar este xoves 15 no hospital comarcal ás 20:00 horas baixo o lema ‘Pola recuperación dos servizos da atención sanitaria en Valdeorras’.

Na CIG fan fincapé en que non se pode permitir a “destrución sistemática” dos recursos sanitarios en Valdeorras nin que “os poucos recursos que hai non se adecúen ás necesidades que temos”. 

Non se pode permitir a destrución sistemática dos recursos sanitarios

E consideran que o que está a acontecer é unha falta de respecto e de desconsideración coa veciñanza, coas asociacións de pacientes, coas persoas usuarias e coas profesionais sanitarias e a súa representación legal. “É precisa a mobilización cidadá, vainos a saúde en xogo”, sinalan.