A CIG de Vigo alerta de que os impagos de Barreras están a destruír centos de empregos nas auxiliares

Insta a dirección do estaleiro a “xestionar con seriedade” tras recibir apoio económico público
Vigo - 02 Nov 2020

A Unión Comarcal da CIG de Vigo alertou hoxe publicamente da situación que se está a vivir no estaleiro Barreras despois de que varias das empresas auxiliares que participan na construción do buque 'Evrima' decidiran abandonar os traballos e mandar o seu persoal ao paro como consecuencia dos impagos por parte do estaleiro. Dende a central instan a dirección da compañía a “xestionar con seriedade” tras recibir un importante apoio económico do sector público.

Na CIG cifran nunhas 300 as persoas traballadoras que se están a ver afectadas por esta situación, “e que nestes momentos viven na incerteza de non saber se van a volver a traballar nesta compañía”. Ao mesmo tempo, lembran que Barreras logrou superar hai uns meses a situación crítica que atravesaba grazas a un importante apoio económico dende o sector público. “Por iso lle reclamamos á nova dirección do estaleiro seriedade na xestión e que non xogue co futuro de Barreras”. 

Na CIG cifran nunhas 300 as persoas traballadoras que se están a ver afectadas por esta situación

Sinalan que no actual modelo de estaleiros de síntese as empresa auxiliares son unha peza imprescindíbel na industria da construción naval, “pero malia isto seguen a afogalas con débedas e impagos, o que pode supoñer un golpe letal para todo o sector”.

Neste senso, inciden en que non se trata só das graves consecuencias laborais que provoca esta situación, “senón que de non cumprirse os prazos de entrega deste buque podería verse comprometida a supervivencia do propio estaleiro, que nestes momentos só ten este pedido formalizado”.

Por iso consideran fundamental que a nova dirección de Barreras resolva canto antes esta problemática para asegurar o retorno ao traballo do persoal das auxiliares.