A CIG de Vigo insiste en que só unha intervención pública “enérxica” blindaría o futuro de Barreras

Advirte que o cambio de propiedade non garante a continuidade da compañía e lamenta que só se manteñan algúns empregos
Vigo - 11 Mai 2022

A Unión Comarcal da CIG de Vigo insiste en que unicamente unha intervención pública “enérxica” blindaría o futuro de Barreras e garantiría o mantemento da actividade e de todos os postos de traballo, ao tempo que lamenta que a venda do estaleiro que vén de ser autorizada xudicialmente contempla só uns poucos empregos.

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, lembra que “xa temos asistido con anterioridade a cambios de propiedade e dirección do estaleiro que non evitaron que en relativamente pouco tempo se volvesen atravesar momentos críticos”, polo que entende que o cambio de propietarios non é por si ningunha garantía de futuro. 

É un moi mal punto de partida que só se garanta a continuidade duns poucos/as traballadores/as de Barreras

Neste senso, demanda compromisos reais e efectivos tanto de carga de traballo como tamén de continuidade do emprego. “Cremos que é un moi mal punto de partida que só se vaia garantir a continuidade duns poucos/as traballadores/as de Barreras”, lamenta.

E insiste en que “dende a experiencia acumulada de termos comprobado a incapacidade do capital privado para poñer en marcha un proxecto empresarial de longo percorrido, seguimos apostando en que a solución para blindar o futuro de Barreras, e por extensión do conxunto do sector naval de Vigo, pasa por unha enérxica intervención pública”.

Mais unha intervención pública “non para seguir apalancando con diñeiro público a xestión privada, que até o momento se demostrou nefasta, senón para poñer en marcha un estaleiro público ou semipúblico que dea estabilidade ao sector”.

Pésima xestión da Xunta

Gonçalves incide en que as medidas que se adopten teñen que ir na dirección contraria da “pésima” xestión que dende a Xunta do PP estiveron a facer desta situación crítica. “É intolerábel que o Goberno galego se teña limitado a actuar de convidado de pedra mentres se está xogando o futuro do maior estaleiro da comarca de Vigo; non podemos consentir que cando está en risco o pan de millares de familias traballadoras a Xunta do PP se dedique ao monocultivo do Xacobeo”, censura.

Para a CIG a finalización do proceso concursal de Barreras non vai ser en si mesma unha solución en termos de produción e de emprego. “Por iso cremos que é máis urxente do que nunca, que desde a Xunta se despregue unha verdadeira política industrial que aposte decididamente polo naval de Vigo”.

Unha política industrial que evite que se siga destruíndo emprego, como volveu suceder durante o primeiro trimestre deste ano, no que segundo datos da EPA só na cidade de Vigo destruíronse 2000 postos de traballo na industria.