A CIG demanda a Inditex recolocacións mantendo condicións e co mínimo traslado para o persoal das tendas que pechan

Traballadoras/es do grupo mobilizáronse este venres en defensa dos seus dereitos
A Coruña - 15 Xan 2021

Delegadas e delegados da CIG e traballadoras/es das tendas do grupo Inditex desenvolveron este venres unha concentración na Coruña para esixir a empresa que ofreza garantías de recolocación nas mesmas condicións (ingresos, xornada, horarios, categoría etc.) e co mínimo traslado posíbel  ao persoal que se vexa afectado polo peche de tendas que a multinacional acaba de iniciar.

A multinacional xa comunicou que, dentro do proceso de dixitalización, pechará en Galiza como mínimo 23 tendas até xaneiro de 2023, sendo Uterqüe de Santiago a primeira en botar o feche xa próxima semana. Xunto a esta, está anunciado o peche de Zara Home das Cancelas e as tendas Massimo Dutti de Ourense e Lugo e a área de cabaleiro do local situado no Marineda City. Desta última marca, Inditex prevé deixar operativas en Galiza só a metades das tendas físicas actuais.

Para afrontar este proceso, In ditex negociou en Madrid un acordo con CCOO e UGT que fala na teoría de conservar os postos de traballo mais sen garantir con certeza ningún dereito. Isto pode supor desprazamentos a centros de quilómetros, cambios de horarios ou de  xornadas inasumíbeis para as traballadoras afectadas, "polo que na práctica se verán obrigadas a ter que renunciar o seu emprego".

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, subliña que son as propias traballadoras das tendas as que se encargan da venta online, "aínda que non cobran ningún complemento por este traballo e agora a empresa decide sacrificar tendas e empregos, ofrecendo condicións indignas". De feito, engade, "hoxe mesmo soubemos que acaban de pechar un Bershka en Asturias, despedindo a todas as traballadoras, agás a unha á que mandan para León".

Negociar un acordo con garantías

A este respecto, sinala que a CIG ten negociado nestes anos peches de tendas con acordos moito mellores que ao asinado en Madrid e demanda da multinacional que abra unha mesa de negociación para abordar un acordo que contemple garantías reais para manter dereitos e salarios.

Así a central nacionalista propón que se respecte a preferencia nos traslados do persoal dentro  das tendas da cadea e este se faga na mesma cidade ou, en caso de non ser posíbel, na localidade máis próxima. Tamén que haxa preferencia de regreso á localidade de orixe para o persoal desprazado sobre novas contratacións en calquera empresa do grupo.

De igual xeito, que se manteña a estrutura básica dos horarios e calendario anual que ten o persoal na tenda que pecha, e as concrecións horarias por conciliación da vida laboral e familiar. En canto aos ingresos, a CIG demanda que se establezan garantías do salario bruto cobrado en 2019, que se conserve a categoría e que haxa compensacións polo desprazamento.

Folga en Uterqüe de Santiago a próxima semana

Carmiña Naveiro, delegada da CIG, engade que "nos parece moi ben que Inditex queira cambiar o seu modelo de negocio, pero non pode facelo a conta dos nosos dereitos". Adiantou que a CIG ten convocada folga os días 21, 22 e 23 de xaneiro en Uterqüe de Compostela ante o peche inminente sen ningunha garantía para as cinco traballadoras indefinidas e a traballadora eventual.

"A empresa chamounos o día 13 para comunicarnos o peche definitivo da tenda o 24 de xaneiro e que non está disposta a negociar nada, indicando que intentarán garantirlle as traballadoras afectadas só a xornada, pero nin salarios nin o resto de condicións", denuncia.

Diante disto, acordouse a convocatoria de folga e de concentracións para esas xornadas ás 12:30 horas diante da tenda situada na rúa Doutor Teixeiro. Ademais, o día 22 haberá outra concentración, ás 13 horas, no Zara Home da r/República do Salvador para pedir a recolocación nesta tenda do persoal do Zara Home das Cancelas que tamén vai pechar.

O luns 18, está convocada unha reunión entre a representación social e a empresa para tentar acadar un acordo a respecto da recolocación con garantías das traballadoras de Uterqüe.