A CIG demanda que se fiscalice o uso dos 23 millóns que o goberno entregará a Barreras

Exixe que se garanta que se destina a reducir a débeda contraída coa industria auxiliar
Vigo - 05 Ago 2021

A decisión do Goberno español de entregar 23 millóns de euros a Barreras está lonxe de ser unha solución á situación crítica que enfronta o estaleiro. Así o entende o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberte Gonçalves, quen asegura que “debe fiscalizarse o uso que se faga desta nova inxección de diñeiro público, para garantir que se destine a reducir a débeda contraída por Barreras coa industria auxiliar e que supón a asfixia económica de moitas empresas do sector”.

Gonçalves sinala que para a CIG é “un pequeno parche, unha tirita absolutamente insuficiente para o alcance da hemorraxia que ameaza con acabar coa vida do principal estaleiro da Ría de Vigo e o maior estaleiro privado do Estado español”.

Sinala que estes 23 millóns de euros poden supoñer un pequeno respiro financeiro pero “non garanten a continuidade da actividade e do emprego”. Neste sentido, afirma, “non entendemos por que tanto a Xunta como o Goberno español seguen sen actuar de maneira decidida, despregando unha intervención pública directa que desprivatice Barreras e que evite a súa liquidación”.

O secretario comarcal da CIG de Vigo entende que a estas alturas ninguén ten dúbidas de que a actual dirección privada do estaleiro “non só non vai ser parte da solución senón que é unha parte moi importante do problema”.

O fiasco de Ritz Carlton

Xunto a isto Gonçalves apunta que “após o fiasco Pemex, o fiasco de Ritz Carlton representa a maior ameaza para o estaleiro nos últimos anos” e considera evidente que esta compañía, allea ao sector naval, “non ten nin interese nin capacidade para asegurar o futuro de Barreras”.

Por iso, a CIG denuncia a responsabilidade que tanto o goberno galego como o goberno de Madrid teñen na situación límite na que está o conxunto do sector naval de Vigo. Unha situación diante da que o secretario comarcal de Vigo se pregunta “que pretenden ficando de brazos caídos, aplicar unha nova reconversión que acabe definitivamente co naval?”

“Fronte a total inacción da Xunta de Feixóo e do Ministerio de Industria, vemos como países da nosa contorna, como Escocia ou Francia, despregaron nos últimos tempos decisións enérxicas para protexer os seus estaleiros. Se non actúan xa, serán corresponsábeis da morte do naval de Vigo”, conclúe.