• Nova

A CIG demanda que se reforce o cadro de persoal da recollida de lixo do Concello de Padrón e negociar o convenio colectivo

O volume de traballo incrementouse nos últimos anos pero o servizo ten unha persoa menos
Padrón - 10 Feb 2022

A CIG-Servizos reclámalle ás empresas que opten ao concurso para o Servizo de Recollida de Residuos Urbanos Sólidos do Concello de Padrón que "sexan responsábeis" e contraten a unha persoa máis para atender o servizo, como viña ocorrendo até agora. Lembran que o cadro de persoal está actualmente formado por seis traballadores/as, cando antes eran sete persoas, tal e como se recolle no informe de custes salariais realizado pola Universidade de Santiago e como aparece reflectido nos pregos de contratación.

Roberto Alonso, da Executiva da CIG-Servizos, explica que este servizo aumentou a carga de traballo nos últimos tempos contando cunha persoa menos, xa que se incrementou a limpeza de papeleiras no casco urbano, a recollida de cartón e agora nos novos pregos incorpórase tamén a recollida de animais mortos na vía pública.

A contrata  leva sen renovarse dende o ano 2012, estando actualmente a empresa concesionaria encadeando prórrogas mensuais. Ademais do sobrecuste que supón para as arcas do Concello, esta situación provocou que o convenio colectivo propio estea sen renovar dende o ano 2014, xa que a empresa se escusa en que descoñece cando sairán os novos pregos e en condicións para negarse a constituír a mesa de negociación.

Ante esta situación, a CIG-Servizos pídelle ás empresas que opten a este concurso que reforcen o cadro de persoal coa contratación dunha persoa máis (tal e como viñan facendo con anterioridade) e que, nada máis facerse co servizo, a compañía adxudicataria sente negociar un novo convenio colectivo para mellorar as condicións de traballo de todo o persoal.

E, advirte Alonso, de non facelo así "verémonos na obriga de iniciar un calendario de mobilizacións sen descartar mesmo a convocatoria de varias xornadas de folga".