A CIG denuncia a falta de persoal de enfermaría na Residencia de Maiores de Valdegodos dende hai máis dun ano
A CIG advirte das graves carencias de persoal na Residencia de Maiores da Fundación Valdegodos en Quiroga, na que, segundo tivo coñecemento este sindicato, as usuarias e usuarios levan máis dun ano sen dispoñer de persoal de enfermaría.
Esta carencia supón un incumprimento claro da normativa vixente na Galiza, nomeadamente da Orde do 4 de decembro de 2024 (DOG do 13 de decembro), que estabelece a obrigatoriedade de contar con persoal de enfermaría nas residencias de maiores en función do número de persoas usuarias e do seu grao de dependencia. A citada norma recolle expresamente que a vixilancia e o coidado da saúde das persoas residentes debe estar garantido por persoal cualificado, incluíndo enfermeiras/os nas ratios marcadas.
A Unión Local da CIG de Monforte considera “absolutamente inaceptábel” que un centro destas características “poida permanecer durante tanto tempo sen cubrir un servizo esencial para a atención sanitaria das persoas residentes, moitas delas en situación de especial vulnerabilidade”.
Ademais, esta situación está a provocar un efecto directo sobre o sistema público de saúde, xa que a falta de persoal de enfermaría no centro implica o traslado de cargas asistenciais ao centro de saúde de Quiroga, saturando os seus recursos e incrementando a sobrecarga de traballo do seu persoal.
O sindicato xa tratou esta problemática coa dirección do centro, requiríndolle a adopción inmediata das medidas necesarias para cumprir coa legalidade e garantir unha atención digna e segura.
De non producirse unha solución a curto prazo, a CIG advirte de que procederá a emprender as accións legais oportunas co obxectivo de depurar responsabilidades e garantir o cumprimento da normativa vixente.
Neste senso, a CIG reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos das persoas maiores e na esixencia duns servizos públicos e asistenciais de calidade.