• Nova

A CIG denuncia a precariedade coa que se está a prestar o servizo de limpeza do HULA

O persoal está sobrecargado porque a empresa Serveo non cubre as vacacións nin as baixas
Lugo - 08 Xul 2022

En plena vaga de contaxios da Covid19, o cadro de persoal do servizo de limpeza do Hospital Lucus Augusti atópase en mínimos xa que a empresa concesionaria, Serveo (antiga Ferrovial), non está cubrindo as vacacións nin a maioría das baixas médicas.

Isto provoca que as traballadoras e traballadores que quedan teñan que asumir unha sobrecarga de tarefas excesiva, tendo incluso que renunciar aos descansos entre xornadas para poder cubrir todas as quendas laborais.

Esta falta de persoal coincide ademais cunha expansión dos contaxios de coronavirus, a tal punto que as e os doentes contaxiados xa non están concentrados nunha única planta, senón que ingresan nas distintas áreas do hospital. Deste xeito, o aumento dos casos conleva tamén un incremento da carga de traballo ao ter que redobrarse as tarefas de desinfección e limpeza, que as traballadoras están asumindo, ademais, con menos persoal do estabelecido nos pregos de condicións.

Diante desta situación insostíbel, a CIG-Servizos de Lugo exíxelle á empresa que abandone a súa política de aforro a conta de explotar as traballadoras e proceda de inmediato a cubrir todas as ausencias. De igual maneira, a central insta a Xerencia do HULA, como responsábel do servizo, a que obrigue a Serveo a cumprir cos pregos, de maneira que se garanta o dereito ao descanso das traballadoras e para que se poida prestar un servizo de limpeza nas mellores condicións.