A CIG denuncia a precarización do Servizo de Axuda no Fogar en Boiro

O goberno municipal aposta por un modelo de adxudicación á baixa que abre a porta á perda de dereitos laborais e á degradación da atención
Boiro - 01 Xul 2025

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou esta mañá, nunha rolda de prensa celebrada ás portas do Concello de Boiro, a grave situación de precarización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) provocada pola nova licitación impulsada polo goberno local do PSOE.

Delegadas sindicais, traballadoras do servizo e representantes da CIG advertiron das consecuencias que terá este modelo de xestión, ao apostar por unha adxudicación á baixa que, segundo denuncian, “abre a porta á perda de dereitos laborais e á degradación da atención que reciben as persoas usuarias”.

Fran Rei, representante da CIG na comarca, sinalou que “é incomprensíbel que un goberno local aposte por unha licitación que rebaixa o prezo da hora do servizo en arredor de 3 euros, facendo inviábel a súa prestación digna. A única empresa que se presentou carece de experiencia no sector, o que agrava aínda máis a situación”.

Segundo Rei, “a única explicación posíbel é que a empresa teña pensado reducir os salarios das traballadoras e recortar recursos, o que suporá un empeoramento evidente da calidade do servizo”.

A CIG presentou alegacións á licitación –xunto con outras entidades– que foron todas rexeitadas polo Concello. “A propia licitación non recolle as condicións laborais actuais, senón que as empeora”, denunciaron.

Desde a CIG deixan claro que non permitirán “nin unha soa perda de dereitos, nin a rebaixa dun só céntimo nas condicións actuais das traballadoras”, e responsabilizan directamente ao Concello de Boiro da situación: “É o único responsábel da precarización do servizo e das consecuencias que dela se deriven”.

A CIG anuncia que continuará mobilizándose e explorando todas as vías legais e sindicais para garantir un Servizo de Axuda no Fogar digno, tanto para as traballadoras como para as persoas usuarias.