A CIG denuncia cunha protesta no HAC que a falta de persoal obriga a unha atención sanitaria “de guerra”

Advirte do “fartazgo e do cansazo” das traballadoras/es, ás que se lles negan descansos e permisos

Vigo -

A CIG-Saúde de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración na porta principal do hospital Álvaro Cunqueiro para reclamar solucións urxentes á sobrecarga que padecen as traballadoras/es da área sanitaria como consecuencia da falta de persoal, o que está a provocar unha atención sanitaria “de guerra”.

Dende a central sindical denuncian que se até hai pouco esta situación afectaba principalmente á Atención Primaria agora estendeuse tamén aos centros hospitalarios, con plantas nas que se están atendendo os mesmos/as pacientes que hai dous meses con unha e até dúas enfermeiras/os menos.

Segundo explica Miguel Tizón, da CIG-Saúde, isto supón aumentar de maneira considerábel o ratio de persoas que atende cada profesional. “Se a isto se lle suma o cansazo que vimos acumulando atopámonos que o que se está a practicar é unha atención sanitaria de guerra, como lle chamamos nós, porque hoxe estou nunha planta, á media hora teño que ir a outra a cubrir a unha compañeira/o, logo volvo marchar, e así continuamente”.

Por iso coa protesta de hoxe queren alertar sobre a situación de “fartazgo e cansazo” do persoal que traballa nos centros sanitarios da área de Vigo, en especial de enfermaría, TCAE, celadoras/es, técnicas/os de farmacia, administrativas/os. Sobre todo este ano, xa que a covid está a incrementar a presión asistencial. “A dirección pensou que a carga asistencial ía reducirse e optou por recortar persoal non cubrindo determinadas vacacións, o que provoca sobrecarga de traballo no resto das traballadoras/es, ás que non se lles están concedendo días libres nin certos permisos aos que teñen dereito”.

Máis carga asistencia e menos persoal

Isto supón un novo ataque aos dereitos laborais, “por non falar do impacto negativo que ten na calidade da atención sanitaria que se presta”. Tizón sinala que a xente acumula moito cansazo por estes anos de pandemia, “nos que traballaron arreo, pero agora comeza a estar xa moi farta da situación”. E lamenta que a escusa do Sergas sexa sempre a mesma, que non hai persoal para contratar,” pero a xente isto xa non o entende, nin ten por que entendelo, porque teñen dereito a gozar dos seus descansos e permisos”.

Ao mesmo tempo, advertiu que agora mesmo estase a facer fronte a unha maior carga asistencial con menos persoal, “por iso as traballadoras/es non aguantan máis e xa non les vale a mesma escusa que a Administración leva repetindo dende hai sete anos”. Nese senso, sinala que a escaseza se persoal para contratar afecta a unhas categorías moi concretas, pero non a todas, “por non falar de que existen outras alternativas máis alá de limitar os descansos e os permisos”.

Con todo, sostén que a calidade asistencial non está a verse tan afectada como cabería agardar, “pero é pola vontade do persoal, que fai o imposíbel por sacar adiante o traballo”. Estas cuestión foron abordadas onte na comisión de centro que de xeito extraordinario convocou a Xerencia nada máis coñecer que a CIG anunciara a protesta. “Volveron coas mesmas escusas de sempre, a falta de persoal e a covid, que tería desbordado as súas previsións, cando agora a covid é de todo menos imprevisíbel”.

Volver