A CIG-Servizos denuncia a falta de avances na negociación do convenio colectivo da hostalaría da Coruña, mentres as persoas traballadoras están cos salarios conxelados dende 2024 e perden capacidade adquisitiva por mor da carestía da vida. Nestes meses, e malia as numerosas reunións, foi imposíbel chegar a un acordo pola postura inmobilista da patronal, obstinada en recortar os escasos dereitos do sector.
Nun contexto de bonanza para esta actividade, a única proposta da patronal provincial consiste en reducir o complemento que garante o cobro do 100% do salario en caso de baixa durante os 12 primeiros meses. “Tras décadas de vixencia deste complemento, e en plena auxe do sector, o empresariado quere que retrocedamos en dereitos”, rexeita a CIG-Servizos.
Lembran que o convenio provincial da hostalaría afecta a case 20.000 persoas traballadoras, que este sector está tirando da creación de emprego, que durante os últimos anos ten rexistrando récords de facturación e unhas subidas de prezos moi por enriba do que medran os salarios. “Pero un País digno non se constrúe deixando na pobreza a quen está enfermo. Moito menos nun sector que non dá encontrado persoal polo baixo prezo da hora traballada”, aseveran.
A este respecto, a CIG-Servizos denuncia que a patronal provincial pretenda aproveitar a vaga reaccionaria da Xunta de Galiza para culpabilizar e criminalizar as persoas traballadoras por estar enfermas, para afondar nos recortes de dereitos dun sector sobreexplotado.
Salientan que as causas do que patronal e o goberno presentan como ‘o problema do absentismo’ radican no propio modelo do mercado laboral precarizado e cunha poboación avellentada e na política de desmantelamento planificado da sanidade pública aplicada polo PP. “Pretenden converter as mesas de negociación dos convenios no lugar en que ‘solucionar’ esta problemática, cargando sobre os traballadores e as traballadoras o prezo de desmantelar a protección social”, critica a CIG-Servizos.
Por iso, fronte aos recortes que quere impoñer a patronal, a central sindical reivindica salarios dignos e condicións laborais xustas e chama á mobilización como único camiño para acadar o convenio que merece o sector.