A CIG denuncia que Monbus mantivo conducindo durante horas a unha traballadora que foi agredida nos urbanos de Santiago

A empresa debería ter parado o autobús, avisado a unha ambulancia para que fora trasladada a urxencias para ser avaliado o seu estado
Compostela - 29 Set 2026

Este luns a mediodía unha traballadora do servizo de transporte urbano de Compostela tivo que parar fóra da parada porque esta estaba ocupada por un taxi. Mentres estaban baixando e subindo as persoas usuarias o taxi quíxose incorporar e non puido facelo pola presenza do autobús.

Tras continuar a marcha, no semáforo da Porta do Camiño o taxista baixou do seu vehículo, dirixiuse á ventanilla da condutora e deulle un puñetazo na fronte, mentres a insultaba gravemente, chamándolle, entre outras “filla de puta”, “gilipollas” ou “subnormal”.

Nese momento a traballadora, que estaba sufrindo un ataque de ansiedade derivado da agresión sufrida, chamou á policía local para informar do sucedido. Posteriormente chamou á empresa para saber como tiña que proceder e a empresa, no canto de para o autobús, pediulle que seguira co servizo, malia ser coñecedora do estado no que se atopaba.

De feito, na seguinte volta, a traballadora tivo un golpe contra un bolardo a consecuencia do estado no que se atopaba. Ás 19:12 non aguantou máis e contactou de novo coa empresa para comunicar que non era capaz de seguir e que lle mandasen de inmediato un relevo.

Maica Dono, presidenta do comité de TRALUSA, afirma que isto confirma que a empresa, ademais de poñer en risco a saúde laboral da condutora puxo en risco tamén ás persoas usuarias do servizo.

Dono denuncia que “aínda tivo que volver á base de Amio no coche particular da persoa que lle foi facer o relevo”. Posteriormente tivo que desprazarse polos seus medios ao hospital “e aínda lle foi recriminada a súa actitude ao facer que a empresa tivera que buscar a alguén para facerlle ese relevo”.

A presidenta do comité afirma que ten que haber reténs para que calquera incidencia que se produza na condución poida ser atendida sen prexudicar o servizo. “Neste caso, ou non había ou non se activou un retén e a persoa que foi facer o relevo xa fixera a súa quenda pola mañá, co que tamén se estarían incumprindo as normas de tráfico sobre tempos de condución, o que supón un risco engadido”.

A traballadora, tras ser atendida no hospital, recibiu medicación e hoxe acudirá á avaliación por parte da mutua. A presidenta do comité considera que non se actuou correctamente porque tras producirse unha agresión a persoa tería que ser retirada inmediatamente do servizo e trasladada aos servizos médicos para a súa avaliación.

Engade que cando hai unha agresión ou accidente é obrigatorio reunir ao comité, para analizar as causas e poñer en marcha posibles medidas correctoras. Por iso, agora o comité exixirá unha xuntanza de inmediato.

Neste sentido, Dono lembra que houbo outra agresión a un condutor no mes de abril e que a empresa anulou en dúas ocasión a xuntanza daquela solicitada. Porén, transcorridos cinco meses, esta aínda non se produciu. “Este é o desprezo co que nos atopamos diariamente por parte de Monbus, onde os seus traballadores e traballadoras somos a última merda, cando somos nós quen estamos mantendo o servizo para o seu beneficio”.

A traballadora xa presentou denuncia contra o agresor e a CIG anuncia que comunicará esta situación laboral, da máxima gravidade, á Inspección de Traballo, para que non se repita e se adopten medidas contra a empresa.