A CIG denuncia vulneración de dereitos fundamentais pola prohibición de reunión, con todas as medidas de seguridade, do persoal de TRALUSA

A empresa chamou á policía nacional para que evitara a xuntanza convocada polo ERTE
Nacional - 21 Abr 2020

O pasado sábado o comité de empresa de Tralusa -do Grupo Monbus- convocaba ao persoal do transporte urbano de Santiago de Compostela a unha xuntanza para abordar cuestións urxentes relativas ao ERTE presentado pola empresa. Na convocatoria especificaba a obriga de manter todas as medidas de seguridade, desde as distancias, até o uso de máscaras e todo o que marca a lexislación relativa ao estado de alarma por emerxencia sanitaria. Ante isto, a empresa para evitar que se informara ao persoal chamou á policía nacional que impediu a celebración da reunión prevista nas dársenas onde, porén, están diariamente cando van traballar.

A CIG explica que diante da porta de acceso ao recinto estaban apostadas 2 furgonetas e 2 coches da policía nacional e 2 coches da policía local, ademais dun grupo de 8-10 policías taponando a entrada. “Representantes dos traballadores e traballadoras dirixíronse a eles para preguntar polo despregue e estes explicaron que foran avisados de que se ía celebrar un acto prohibido en vía pública”.

Desde a central sindical indican que se lle explicou á policía  que “non estaba convocado en vía pública, senón no centro de traballo, nun espazo aberto onde se podían garantir as distancias de seguridade; que se trataba dunha asemblea de traballadores e que xa na convocatoria se advertía da necesidade de manter as medidas de seguridade”.

Ademais, ensinóuselle á policía a Orde SND/307/2020, 30 de marzo, pola que se establecen os criterios interpretativos para a aplicación do Real Decreto-Lei 10/2020, de 29 de marzo que garante que “a actividade sindical debe manterse inalterada e non pode verse afectada polas restricións á mobilidade e circulación das persoas”, polo que non podían limitar a liberdade sindical para informar e tomar decisións entre o persoal dunha empresa no seu centro de traballo, que o estado de alarma mantén aberto.

Ante a postura da policía acordouse suspender a asemblea sen incidente algún. O comité de empresa xa pediu hai semanas, a retirada do ERTE utilizado de forma fraudulenta por Tralusa, por ser lesivo para as traballadoras e traballadores e unha fraude á Seguridade Social, toda vez que o concello de Santiago mantén, durante este período, a contía destinada a esta concesionaria.

A CIG denuncia que coa actitude da empresa de xerar unha alarma social nun momento tan sensible como este, o seu obxectivo real era evitar que os traballadores e traballadoras que comparten este espazo a diario puideran posicionarse colectivamente sobre os abusos e as medidas discriminatorias desta empresa do grupo Monbus.

A central sindical xa anuncia que a súa asesoría xurídica solicitará explicacións á subdelegación do goberno pola actuación policial, lembra da necesidade de que neste momento os dereitos laborais non sexan máis confinados aínda e critica que se empregue á policía para limitar a liberdade sindical.